O grupo municipal do BNG no Concello de Betanzos reprocha ao Goberno local a falta de información sobre o trazado do tren de alta velocidade, tamén chamado AVE. O concelleiro nacionalista Henrique del Río recordou no último pleno que a alcaldesa, María Faraldo, se comprometeu diante dos veciños de Guiliade e Piadela, así como nunha reunión cos voceiros dos grupos municipais, a presentar alegacións ao estudo do tramo entre A Coruña e Betanzos, un documento no que se propoñen tres alternativas ao paso da alta velocidade polo municipio. Destas tres opcións, a terceira afectaría á zona de Guiliade e Piadela, polo que se opuxo a ela o Pleno municipal o pasado mes de xuño.
Segundo o Bloque, Faraldo comprometeuse a remitir as alegacións ao Ministerio de Fomento e a entregar unha copia aos colectivos veciñais, sen que o fixese aínda, polo que se pregunta se realmente o Concello remitiu as reclamacións a Fomento.