A concelleira de Servizos Sociais, a socialista María Barral, desvelou que o Concello de Betanzos tramitou nos últimos días varias queixas dos usuarios do centro de saúde polo cambio no sistema de atención telefónica. Os veciños manifestaron ao alcalde, Ramón García, o seu malestar pola decisión do Sergas de cambiar a atención personalizada por un operador automático.
por este motivo o goberno local remitiu un escrito á xerencia do ambulatorio para solicitarlle que “reconsidere a súa decisión”. A concelleira de Servizos Sociais indica que son moitos os trastornos que este cambio causou ás persoas maiores. “Teñen graves dificultades para concretar a atención asistencial que precisan dende que non hai unha atención personalizada”, lamenta a edil, que incide no feito de que o novo operador “non” permite explicar debidamente ao usuario a razón da súa petición de cita”. Por este motivo, a concelleira reclama á dirección do ambulatorio que dispoña dun servizo “máis sinxelo e apropiado ás necesidades dos usuarios”.
O goberno local aproveitou onte para reclamar de novo a Xunta que restableza os horarios de consulta de pediatría. O executivo municipal solicita que se recuperen as consultas de tarde, “canto menos tres días á semana” en lugar dunha soa tarde á semana.María Barral sostén que o recorte na atención pediátrica resulta “moi prexudicial para moitas familias”. Este asunto foi levado polo PSOE ao pleno, mentres que o BNG o trasladou en outubro ao Parlamento de Galicia.