xornaldebetanzos

Insomnia

In opinión on 11 enero 2012 at 10:20

Alberte Momán

Despois de días sen durmir, a maior parte dos obxectos pasan ao meu carón sen ser percibidos. Tan só nos instantes posteriores a un impacto é que son consciente da miña falta de reflexos. Sen a capacidade que proporciona o instinto para defenderme das agresións, vólvome cara unha figura que se afasta. Os edificios repítense rúa tras rúa, parada tras parada dun autobús vermello, comesto polos anos e a ferruxe.

Chove e a porta non abre ao introducir a chave. A pechadura cede fronte a presión dunha man que preme dende o interior. Sen tempo para reaccionar, precipítome sobre un can doente, cunha forte desorde emocional debido aos excesos de celo dunha propietaria viúva e con fillos ausentes. Polo que, a miña perna esquerda prefire non ter que subir as escaleiras. Convénzoa.

A porta da casa tampouco cede. Golpéoa repetidas veces, como se o efecto fose beneficioso para a miña determinación de entrar. Ábrese e golpéome cun corpo de muller, quente e cun cheiro rancio a fritura de peixe. Déixome apreixar por uns peitos grandes e separados, caídos até un embigo acondicionado polos anos e a vida sedentaria. Réndome fronte a primeira sacudida errática. Na ausencia de tempo, os golpes fanse profesionais, adestrados na contundencia. Durante a baixada, o consolo o do can que volve a lamber as feridas, mentres unha voz, rouca xa despois dunha longa emisión de berros, exclama: Non era por non querer, pero estaba o meu marido na casa!

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.

Únete a otros 1.428 seguidores