Alberte Momán
-Perdoe, señor, desculpe que o moleste, pero temos un problema na porta tres. Trátase dun problema de masas.
-De masas?
-Si, señor, de masas bastante informes.
-Informes? Dirixídeos cara a artesa TM10. Desta volta, unha de oito mil cincocentos litros será suficiente.
-Pero, señor, esa ten forma dun prisma trapezoidal. Lémbrolle, señor, que non é apta para masas informes. Vai manifestamente en contra da normativa contra ruído ambiental.
-A normativa contra ruído ambiental xa non é problema deste departamento. Deixe que diso se ocupen outros.
Unha das vasoiras mecánicas apareceu diante dos manifestantes, expulsando furanos pola parte dianteira, a modo de desinfectante, e emitindo o xa característico po to po to, que indicaba o seu recoñecible mal humor inxustificado. Da parte contraria, os manifestantes adoptaron a posición de defensa, na que os de centro se repregaron cara o centro, como é a súa condición. Os incondicionais da esquerda, sempre coa precaución de marcar diferenzas, fixeron un pequeno grupo no que, debido á escaseza de espazo, debían apoiarse os uns nos outros para non romper a uniformidade da unión, non exenta de conflitos internos. Os da dereita, menos afeitos a tales acontecementos sociais, consultaban, afastándose aos poucos do balbordo xeral, no Grande Dicionario Enciclopédico sobre Protocolo e Normas de Conduta en Xeral, sobre as normas de cortesía propias en tales acontecementos.
Baixo a presión constante dos avances tecnolóxicos operados dende a revolución industrial, un par de séculos atrás, na fabricación de maquinaria de tortura e outros elementos de presión, os manifestantes ían rendéndose irrevogablemente, sendo dirixidos cara o brazo aspirador que os conduciría, de non haber nada que interrompese a marcha, cara a artesa en forma de prisma trapezoidal. Na desesperación do momento, os da esquerda tomaron a iniciativa propoñendo a un líder que os sacase do atranco. Mais, como xa é tradición, lonxe de ser a persoa máis capaz, tratábase dun individuo dotado dunha sorte de carisma tabernario, moi axeitado para noites de lecer en tascas de medio metro, pero non para situacións de crise. Polo que, a primeira proposta do cabeza visible proposto, que non deixaba de erguer todo tipo de silenciosas suspicacias entre o centro, manténdose a dereita á marxe agardando polo fracaso de toda iniciativa que fose en contra da vasoira mecánica, foi a de facer unha parada para tomar un viño e reflexionar, deste xeito, con máis calma sobre as solucións posibles.
Á vista das oportunidades, a dereita votou en contra da moción, alegando que a teor das circunstancias presentes o mellor era externalizar a toma de decisións, concretando a proposta mediante unha empresa pertencente a un familiar dun membro do seu grupo que, curiosamente, se atopaba presente e que comezou a repartir tarxetas de visita entre os asistentes do grupos de centro e de esquerda, para formalizar, de non haber obxeccións, a contratación dos seus servizos. Feito que ergueu todo tipo de silenciosas suspicacias entre o grupo do centro, pero que, ante a amabilidade do empresario, non foron manifestadas en público. A esquerda, aceptando a inminencia do desastre, decidiu propor unha moción transaccional na que constaba a privatización do servizo de cafetería no que a empresa de consulting puidese consensuar cos distintos grupos a ansiada solución ao problema da vasoira mecánica que os achegaba irremisiblemente ao brazo aspirador. Despois dunha breve demora, acompañada dun incómodo silencio, que cada asistente asumiu como puido, mirando o ceo na procura dalgún avión de pasaxeiros que tivese as alas verdes, contando as porcas das articulacións hidráulicas da vasoira mecánica ou facendo unha estimación á alza da distancia que os separaba da artesa con forma de prisma trapezoidal, o conxunto de manifestantes aceptou a nova proposta por unanimidade. Tal fito histórico non pasou desapercibido entre os máis vellos de cada agrupación, nos que se depositaba a responsabilidade de salvagardar a memoria histórica, que cada un reconstruía no seu cerebro en función das anécdotas persoais ás que as circunstancias da vida o foran abocando. A celebración por tal feito provocou un estrondo de xúbilo tan grande entre os asistentes que os xefes da empresa de Limpezas e Outras Reconversións, á que pertencían as instalacións nas que se atopaban os manifestantes, pensaron que estes xa estaban sendo amasados pola artesa con forma de prisma trapezoidal, polo que se achegaron cheos de curiosidade á fiestra, fregando debidamente as mans, co preceptivo movemento de cadencia ascendente no sentido das agullas do reloxo, para recrearse nas desgrazas alleas. Mais, perante a decepción, desta volta do gozo alleo, instaron á vasoira mecánica a que acelerase a marcha co fin de establecer unha estratexia de presión patronal.
O cerco cinguíase ao redor dos manifestantes, que vían como as súas estratexias de evasión se vían frustradas polas crueza dos ataques da máquina. O achegamento irreversible ao brazo succionador, facía que sentisen as cóxegas do aire polas costas, tirando deles cara o escuro buraco con fin na artesa que faría deles un enriquecido penso, específico para criaturas de pequeno tamaño. O caos sobreveu de maneira inmediata. Vítimas da dialéctica parlamentaria, sucumbían ante o pánico esforzándose por establecer o criterio polo que se debía rexer a orde de entrada no brazo aspirador. A esquerda, reforzando a figura do seu líder, colocábao nos primeiros postos preparando a mitificación dun mártir. O centro, pola súa parte, deixábase levar, o que erguía enormes suspicacias entre os seus membros, que ficaban en silencio seguindo a traxectoria da masa. A dereita, reafirmándose nas súas conviccións, demorábase nos últimos postos tentando buscar un acordo que os salvase da limpeza. Estes últimos, nunha meditada acción de despiste, cambiaron as súas vestimentas por outras de alindadores de gando, co chuzo correspondente, para incidir inopinadamente na traxectoria vital dos alindados. Deste xeito, e colocándose a unha beira do camiño, vían marchar cara a succión aos seus antigos camaradas de protesta, saudándoos cun enorme e dentado sorriso, mentres vestían os seus uniformes de azafata de congresos.
P.S.: Con motivo do balbordo xerado durante o amasado dos manifestantes, foi modificada a normativa contra ruídos ambientais, ampliando os límites de decibelios permitidos. Ante tal feito, o presidente da empresa de Limpezas e Outras Reconversións, emitiu un comunicado aos medios no que resaltaba a importancia da modificación das normas lexislativas en consonancia cos avances sociais.
[...] O ocaso dos deuses [Opinião] xornaldebetanzos.wordpress.com/2012/01/26/o-ocaso-dos-deuses/ por flechiak hai 3 segundos [...]