Alberte Momán
Invernía
-A paternidade, lonxe doutras obrigas materias, é un vínculo afectivo. A responsabilidade, polo tanto, de alimentar ese vencello, establecendo unha linguaxe comprendida polas partes, que dea vigor a tal nexo dende os primeiros anos, para que co paso do tempo se faga indivisible.- Levanto a vista e sinto, por primeira vez, un frío que penetra por cada físgoa até ferir o óso, proxectando un obxecto punzante que perfora até a medula. Dende esta posición, a superficie se me mostra baixo a lente dun material xeado que distorsiona as formas, facéndoas só perceptibles polas cores que preservan integramente a súa entidade. –Se son incapaz de percibir unha realidade como esta, concreta e tanxible, como hei discernir entre o que é bo ou malo para unha criatura quen de cederme en depósito, con inxenua confianza, a responsabilidade de toda unha vida? Por que, no momento de establecer unha unión tan íntima, as verdades inalienables esgrimidas con firmeza, vólvense febles e insostibles para unha criatura á que ceder a sabedoría de anos de experiencia, e sobre a que depositar o legado dunha ética minuciosamente elaborada e amplamente contrastada polos teóricos do pensamento máis refutados?A miña debilidade só pode ser froito do medo. O medo, que dá significado á verdadeira escravitude. Medo a que unha montaña de prexuízos, amplamente superados por min como adulto consciente e preceptivamente antisocial, como mostra indubidable de intelixencia e superación, caian con gravosa contundencia sobre o feble corpo dunha criatura en formación. Por que non gardala para min, fóra das gadoupas dunha dura mole de concorrencia que con abxectas argucias tentará aniquilar os méritos e aptitudes, sensibles e creativos, deste ser?- Volvo o rostro cara un lado e o outro. Unha lene película verde cobre as superficies, enturbando o ambiente con deposicións finísimas coas que outros, coma min ou sen semellanza ningunha, sacian o seu apetito, proxectándose inmisericordes, con afouta determinación, sobre as partículas de vida suspendidas no fluído elemento. Cun movemento de contracción das articulacións anteriores e posteriores, desprázome cara unha beira, afastándome do tumulto. –A alimentación é un proceso no que o hábito establécese como un elemento fundamental. O escaso control sobre a cadencia e os tempos en tal hábito, denota un descontrol na personalidade. Unha pueril forma de gozo irracional e incontrolado, consecuente dunha desorde afectiva. Este compulsivo referente, é o que impera en toda aprendizaxe. Pero que hai da calma, do aproveitamento máximo de cada momento, con independencia da súa finalidade última? Nunca a inercia pode ser un método de aprendizaxe, nunca as concesións á mediocridade, nunca o mero estímulo visual, nunca esas estrelas do fútil, esa esencia do banal, do desprezable. Mais, como escapar?Como se induce cara o criterio a unha mente tan inexperta?- Unha corrente inesperada, libera a visión de corpos aboiando como inertes, agardando o tempo que non pasa. Sobre unha rocha, busco unha manifestación que clarifique as miñas ideas, unha comunicación a un mundo que carece dos máis elementais perceptores de estímulos. Expóñome perante un público ausente, inquirindo unha pregunta tras doutra, sen agardar resposta posible, no silencio balbuciante do medio acuoso. Por riba de min, sobre a tona xeada, as formas sucédense, alleas ao acontecer dun outro mundo tan distante, fóra do seu entendemento. Mais, de súpeto, unha turbia corrente expúlsame do meu púlpito. Tento volver sobre os meus pasos, pero unha forza superior impídemo. A inutilidade dos meus xestos, fai que se esvaezan os meus folgos, e aos poucos vou perdendo as ansias, até ficar varado xunto
unhas algas que me fregan as costas e acariñan o meu rostro. A corrente, incesante, semella querer impedir a miña declaración a un mundo ofuscado por un ser que non se esconde, que vence o temor do diverso, achegándose, estudando a diferenza, para ser máis el mesmo, máis forte. A defensa infrutuosa da miña integridade practicada polas algas, non impide que un espécime da familia dos salmónidos perpetre o seu máis cruel delito, motivado polo máis primitivo instinto, seccionando a moleza do meu corpo, separándome das miñas valiosas extremidades, sorprendidas pola agresión. É posible que a miña morte sexa lei de vida, mais co meu último alento profiro un reivindicativo adeus que avogue pola independencia dun ser tan feble, fermoso e aínda… imberbe.
Alberte, hai telepatía. En maio vou ser pai.
Moitos Parabéns, Antón!!!