“Como xa pasou no tema da gasolineira, é o BNG quen ten que saír a explicarlle as cousas aos veciños porque o goberno local nin está, nin se lle agarda”. Así de rotundo se mostrou onte o voceiro dos nacionalistas betanceiros, Henrique del Río, durante unha charla informativa sobre a privatización da Escola Infantil do Pasatempo que ofreceu o BNG no Liceo.
A xuízo dos nacionalistas, o goberno municipal do PSOE non está a facer nada para cumprir o acordo plenario contra a privatización do centro. “Non se pode aprobar unha moción no pleno para logo non executala”, censuran desde o BNG, que reclaman ao goberno de García que aclare cal é a súa postura dado que “o que cala, outorga”. De igual forma, os nacionalistas instaron ao goberno local socialista “a que aclare canto vai custar aos veciños” os plans autonómicos para a gardaría do Carregal.
Na reunión informativa tamén estivo presente Manuel Praga, voceiro de Benestar do BNG no Parlamento de Galicia. Este deputado asegurou que o Goberno de Feijóo ”minte” ao fixar nun 19% a suba das taxas das escolas infantís.
Neste punto, explicou que co novo decreto aprobado polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo a suba dos prezos supón un incremento dun 45% ao pasar de 110 euros a 160 na atención educativa e de 33 a 70 euros (“un incremento do 112%”) no servizo de comedor das gardarías. Así mesmo, o nacionalista cualificou de “mazazo” para as familias a nova medida da Xunta e acusou o presidente de “mentir” por afirmar que nunca tocaría os servizos públicos.
Por outra parte, o BNG de Betanzos levará ao próximo pleno unha moción en apoio á iniciativa lexislativa popular en defensa da sanidade pública na comunidade. Así, a formación frentista pedirá que a corporación municipal brigantina mostre o seu respaldo á plataforma SOS Sanidade Pública, ademais de animar os veciños do municipio a que colaboren con esta proposta cidadá.