O goberno local anunciou un plan de emprego co conseguinte aumento de partidas orzamentarias para desenvolver actuacións con fondos municipais, cursos formativos de diversas especialidades para formar ata 150 persoas que se encontran en situación de desemprego, especialmente menores de 25 anos, e solicitar á Xunta un novo obradoiro de emprego que dea formación a outras 60 persoas. Con estas actuacións e outras centradas no sector servizos o PSOE pretende dar un impulso ao emprego en Betanzos.
Aseguran os responsables socialistas que xa se solicitaron unha decena de especialidades formativas á Xunta en cada unha das cales poderán participar ata un total de 15 alumnos. Trátase de cursos de soldadura de estruturas metálicas (2 cursos), axudante técnico de Protección Civil (2 cursos), fontanaría (2 cursos), auxiliar de biblioteca, instalación e mantemento de xardineiras e zonas verdes, dinamizador sociocomunitario (atención a persoas con dependencia), e o de asistencia sociosanitaria a persoas no domicilio. Neste sentido, o goberno local espera poder contar coa “máxima colaboración” da Xunta á hora de conceder estes cursos tendo en conta a necesidade “de promover actuacións de inserción no mundo laboral”. Con esta oferta pretenden poñer a andar un centro de formación municipal que leva inactivo desde que o PSOE subiu ao poder e que o PP ven de acusar de querer desmantelar.
O Concello anunciou tamén a súa intención de solicitar “tan pronto se abra a convocatoria da Xunta” un novo obradoiro de emprego que ademais de dar formación a 60 desempregados en catro especialidades ao longo de todo un ano sirva para recuperar un histórico equipamento municipal. Ao igual que no caso dos cursos formativos, o goberno local espera que “o proxecto que se presente sexa avalado pola Xunta”.
Ante as críticas do PP polo presunto peche da escola taller municipal, o goberno local asegura que “o único que se formulou é que mentres non se inicien os cursos de formación, os traballadores do centro desempeñen outros servizos en prol de aproveitar os recursos que ten o Concello, servizos que en todo caso serán relacionados coas súas profesións, como se viña facendo dende hai anos”.