O goberno local anunciou que acaba de tomar o acordo de encargar aos técnicos municipais “a elaboración dos pregos de condicións para sacar a contratación a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal”. O executivo que dirixe en minoría Ramón García(PSOE) asegura que así dá “un novo paso no que é un dos seus principais obxectivos: contar cun documento de desenvolvemento urbanístico despois de que durante o anterior mandato non se sometese finalmente a aprobación inicial malia estar concluídos os traballos”.
O goberno local manifestou que a decisión de sacar a contratación a elaboración dun novo documento se tomou “a raíz das explicacións ofrecidas polo propio equipo redactor do anterior plan non só ao equipo de goberno senón tamén ao resto dos concelleiros da oposición en canto á necesidade de reiniciar os traballos tendo en conta que a nova ordenación territorial ía ser máis restritiva” en casos coma os núcleos rurais, que o Plan de Ordenación de Litoral, tal e como se avanzou por parte do grupo municipal socialista xa na oposición, vai ter unha especial incidencia no municipio ao afectar a 2/3 do seu territorio; que agora hai que presentar na Xunta ata tres alternativas para someter os traballos de informe previo, cos inconvenientes que iso supón, o plan de zonas susceptibles de ser inundables e que podería saír unha nova Lei do Solo… Polo tanto, o goberno local entende que por criterios “obxectivos” e fundamentos a nivel técnico é necesario reformularse a situación e sacar a contratación de novo os traballos, aproveitando, non obstante, aqueles datos que “poidan ser susceptibles de aproveitarse do anterior plan para a elaboración do novo documento”.
Non gustaron estas manifestacións no PP, partido que gobernaba cando se estragou o documento urbanístico de Betanzos, listo para aprobar segundo as restantes forzas da Corporación. ”Se o alcalde tomou a decisión de resolver o contrato é só para darse a razón a si mesmo cando di que se desperdiciaron catro anos de traballo na redacción do PGOM”, advirte María Faraldo, voceira do PP. “Os responsables do Concello saben que o que dixeron acerca do PGOM non é certo e saben tamén que non se pode rescindir un contrato así como así”, explica.