O grupo municipal do PP denunciou que non se están a levar a cabo os labores de mantemento do paseo que circula en torno ao río Pelamios, no lugar de Caraña de Abaixo. “O tempo puxo en evidencia que o Goberno municipal fixo oídos xordos a esta denuncia, porque agora que pasaron varios meses a situación foi empeorando paulatinamente” denuncian os conservadores, que recordan o importante investimento -máis de un millón de euros- realizado na zona por medio dun obradoiro de emprego- executado polo PP e deseñado polo anterior bipartito PSOE-BNG.
“Xa é de dominio público que o Executivo local leva a cabo unha política de rancor, baseada en desdeñar todas as propostas do PP e as actuacións que puxo en marcha durante a pasada lexislatura” censuran os conservadores, que aseguran que “o problema é que esta política de miopes está a afectar directamente aos veciños, os cales xa se están a sumar ao descontento manifestado no seu día polo PP”.