Home

O alcalde, Ramón García Vázquez, acaba de solicitar unha reunión urxente co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, xunto con representantes da Comunidade Escolar co fin de “evitar máis atrasos sobre o colexio e non ceder nas nosas pretensións e compromiso da Xunta en canto a que o centro estea finalizado para o inicio do curso 2013-2014″.

O carácter urxente da reunión vén dado polas manifestacións vertidas pola propia Consellería nas que anuncia a adxudicación do proxecto técnico construtivo do colexio e asegura que o centro estará rematado “ao longo do curso 2013-2014″.

Para o primeiro edil “estas manifestacións distan moito do compromiso que existía por parte dos responsables de Educación en canto á disposición do centro, previsto para o inicio do curso escolar”. Por esta razón, o primeiro edil explica que nin o Concello nin a Comunidade Escolar van “quedar de brazos cruzados e esixirán que se cumpran os prazos”.

García Vázquez recorda “a vontade, compresión e paciencia” mostrada pola asociación de pais e o propio Concello en canto a aceptar un aumento do ratio de alumnos por clase para o próximo curso escolar 2012-2013 ante a falta de espazo nas instalacións para instalar aulas prefabricadas, unha paciencia que “se esgota e se traduce en indignación e malestar cando, primeiro se comproba que as obras que ían comezar entre maio e xuño non se inician, que a estas alturas de ano o proxecto técnico aínda non estaba elaborado e que agora, os prazos que prevé Educación son que o centro non estea operativo para o inicio de curso 2013-2014″.

O alcalde lamenta que non se tivesen en conta as reiteradas advertencias realizadas pola Comunidade Escolar e o Concello en todo este tempo.

About these ads