O BNG afirma que recibiu “numerosas queixas veciñais polo aspecto que presenta o parque do Pasatempo”, motivo polo cal a concelleira debutante María Otero advertiu no Pleno da sucidade de estanques, camiños e xardíns e das deficiencias de conservación que presenta unha das grandes zonas de esparcemento con que conta Betanzos. A concelleira nacionalista referiuse ao feito de que “o lugar onde estaban hai ano e medio as gaiolas que albergaban varias especies de aves actualmente estea ocupado polas marquesiñas do Plan de Transporte Metropolitano que o goberno local aínda non colocou nas paradas de autobús da cidade” e reclamou coñecer o motivo deste almacenamento.
O BNG denunciou no Pleno que a acumulación de restos de podas e de limpeza dos estanques en varios sitios da parte histórica do Pasatempo ten motivado a presenza de ratas, como xa advertiron varios veciños. “Cre o goberno que con este estado de conservación os técnicos de Patrimonio van informar favorablemente que se declare Ben de Interese Cultural o Pasatempo, como acordou o Pleno?”, preguntou Otero.