O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que insta ao Ministerio de Fomento a adoptar actuacións urxentes para mellorar a seguridade vial da N-VI no tramo situado entre Cortiñán e Raxá.
O deputado nacionalista, que non hai moito realizou unha marcha pola N-VI reclamando máis seguridade no entorno, lembra que o BNG se dirixiu ao Goberno en numerosas ocasións para pór de manifesto os problemas de seguridade vial existentes na N-VI á altura do concello de Bergondo. “Recentemente, un ciclista foi arrollado por un camión á altura de Cortiñán. Os veciños levan tempo reivindicando a mellora deste perigoso tramo viario”.
Jorquera explica a Fomento que os accidentes son frecuentes neste tramo, e “a pesar das continuas demandas, Fomento segue sen dar resposta e sen adptar as actuacións precisas para mellorar a situación desta estrada. Os veciños propoñen a construción dunha rotonda á altura do desvío a Montellos, que se elimine un dos carrís de aceleración ou que se extremen as medidas de seguridade na zona do colexio”. “Vai o Ministerio a realizar actuacións de mellora da N-VI neste tramo a fin de rebaixar a siniestralidade? En caso afirmativo, cando emprendería estas melloras? Vai o Goberno a atender as demandas dos veciños que plantexan solucións para acondicionar este tramo?”, son algunhas das cuestión que Jorquera dirixe a Fomento.
Con esta iniciativa, o deputado do BNG traslada ao Ministerio as propostas dos veciños para mellorar a seguridade vial e lembra os continuos accidentes que se producen nesta zona. Precisamente unha representación dos veciños de Cortiñán desprazáronse ata a sede da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para coñecer en que punto se encontra o proxecto previsto polo Ministerio de Fomento para reforzar a seguridade vial do nacional ao seu paso por Bergondo. Atopáronse con que os técnicos descoñecen os prazos e as medidas, aínda que recoñecen a existencia dunha proposta que, en principio, consideraría cambios na sinalización horizontal e vertical, e a eliminación do carril de aceleración nas inmediacións do desvío cara a Montellos, onde hai unha semana un ciclista resultou ferido ao ser arrastrado por un furgón, e precipitou o debate cidadán sobre o elevado índice de sinestralidade da N-VI entre Oleiros e o Polígono Industrial de Piadela, en Betanzos. Nos próximos días, os afectados decidirán se adoptan algún tipo de medida de presión e definirán o modo de canalizar as súas queixas, xa que a sangría de “feridos e mortos” é xa “insostible”, apuntan dende Cortiñán.