Home

O goberno local encargará un proxecto técnico para adaptar o edificio Mandeo 50 á legalidade. Coa medida o executivo pretende corrixir aqueles aspectos que se executaron por parte do promotor á marxe da licenza concedida no seu día por parte do Concello- o que ocasionou que a Concellaría de Urbanismo, naquel momento dirixida por un edil do BNG, paralizase a obra. O goberno local requirira o promotor a realización dun proxecto técnico para, posteriormente, acometer as obras de reposición da legalidade. Cumpridos os prazos legais correspondentes, o proxecto non chegou a presentarse co que agora será encargado de forma subsidiaria polo Concello que, desta forma, pasará logo o custo deste ao promotor.

Para a realización deste estudo o alcalde acaba de ditar unha Resolución ordenando o levantamento do precinto do inmoble coa exclusiva finalidade de que en cumprimento da orde de execución subsidiaria, os técnicos encargados da redacción do proxecto das obras para a reposición da legalidade urbanística poidan realizar as visitas de comprobación do edificio necesarias para a elaboración do mencionado traballo técnico durante catro días. Cos datos recollidos, os técnicos redactarán o proxecto que logo será entregado ao promotor do edificio para que execute as obras requiridas tendo en conta que o edificio non se adapta á licenza concedida, entre outras cousas, por exceso de volumes.

O concelleiro de Urbanismo, Antonio Vázquez Lorenzo, indicou que os trámites se enmarcan na intención “clara deste goberno de desbloquear a situación do edificio e resolver un problema que se vén arrastrando dende hai anos, con importantes cargas para os propietarios que no seu día adquiriron as vivendas”.

Á marxe desta Resolución, o Concello tamén trasladou ao promotor outro requirimento no que se lle ordena a retirada dos valos e caseta de obra situadas na fachada principal do edificio e que ocupan espazo público co fin de que se poidan continuar os traballos de execución do proxecto de renovación de servizos de fornecemento de auga, fecais e pluviais na rúa Mandeo.

Requíreselle tamén que se adopten as medidas de seguridade oportunas para, unha vez retirado o valo, se protexan as entradas ao edificio impedindo o acceso libre a este, procedéndose posteriormente o precinto destas en tanto sobre a edificación non se proceda a adoptar as medidas de restauración da legalidade urbanística ordenadas polo Concello.

About these ads