Home

Axentes da Garda Civil de Curtis, co apoio dunha patrulla do posto de Betanzos, detiveron as 5.30 horas do mércores a tres varóns como presuntos autores do furto de 52 pranchas metálicas de estada, subtraídas do exterior dunha empresa en Teixeiro.

O Instituto Armado, que fora alertado poucos minutos antes de que varias persoas poderían estar a apropiarse de material de obra nun soar de Teixeiro, dispuxo a intervención de dúas patrullas que se encontraban próximas ao lugar, logrando deste xeito interceptar a furgoneta na que viaxaban os presuntos ladróns e recuperar a totalidade do material que subtraeran.

Os feitos foron postos xa en coñecemento da autoridade xudicial, a cuxa disposición quedaron os detidos, segundo explicou a Benemérita.

Por outra parte, a Garda Civil detivo ás 2.00 horas deste xoves un home de 40 anos de idade como presunto autor dun delito de resistencia aos axentes da autoridade. Os feitos tiveron lugar cando unha traballadora dunha cafetaría no termo de Aranga poñía en coñecemento da patrulla do Instituto Armado que vixiaba a zona que un cliente se negaba a abandonar o local, á vez que a increpaba continuamente.

A Garda Civil, tras requirir este home que se identificara, ao que este non só se negou, senón que chegou a agarrar pola solapa a un dos axentes, segundo sinalaron as mesmas fontes, procedeu á súa detención e a poñer os feitos en coñecemento do Xulgado de Instrución Número 1 de Betanzos.

About these ads