A empresa concesionaria da piscina municipal executará as obras de mellora das instalacións durante o próximo mes de agosto, aproveitando un mes que hai menos actividade nas instalacións para “que os traballos lle afecten menos posible aos usuarios”. En principio, as obras, segundo as previsións da empresa, prolongaranse dende o 6 ao 31 de agosto. A actuación supoñerá un investimento duns 60 000 euros e consistirá na reforma integral dos vestiarios coa ampliación destes e dos aseos, e a construción dunha nova sauna de maior capacidade. Xunto a estas obras, nas últimas semanas executáronse traballos no exterior da piscina, centrados no pintado da instalación, na que se investiron uns 30 000 euros.
Estas obras estaban programadas para facelas en dúas fases, 2012 e 2013, pero, finalmente, a empresa accedeu á petición do goberno local para acometelas nunha soa co fin de causar os menores prexuízos posibles aos usuarios.
As melloras nas instalacións continuarán nos próximos anos dentro dun plan de actuación no que, de fondos propios, a empresa concesionaria ten previsto investir 345 346 euros aos que haberá que engadir outras actuacións que se poidan desenvolver en colaboración coas administracións públicas. Non obstante, aínda non están definidas as obras que se executarán a partir de 2014 aínda que as prioridades pasan polo acondicionamento e climatización da sala do ximnasio e a substitución do equipamento deportivo.
Os responsables da empresa explicaron ao goberno local que a súa intención é programar as actuacións futuras “atendendo as demandas do goberno local e as suxestións presentadas polos subscritores” polo que están abertos ás propostas que poidan presentar e que, en todo caso, “serán estudadas”.
Indicaron que as melloras que están previstas para este ano (excluído a de pintado exterior) se financiarán con cargo á actualización das tarifas (que supuxo un incremento de 2,14 euros mensuais), unha cantidade coa que ademais das obras se reducirá a tarifa tanto dos menores de 25 coma para o colectivo da terceira idade cun “aboamento especial” polo que pagarán menos que en 2011; e coa que se iguala o recibo dos usuarios de Betanzos ao que pagaban os residentes doutros municipios da bisbarra que utilizan a piscina, sobre a base dunha resolución do Valedor do Pobo emitida tras a reclamación efectuada ante esa Institución por veciños da bisbarra.
Apertura da piscina descuberta
Por outra parte, a empresa iniciou o acondicionamento da piscina exterior que será aberta ao público o próximo 2 de xullo. Entre os traballos que se executarán inclúese o pintado da piscina. A actividade prolongarase durante os meses de xullo e agosto, en concreto ata o 31 de agosto en horario de 15:00 a 20:00 h.