A Plataforma de Afectados polo Plan Xeral de Abegondo, constituída por máis de medio centenar de persoas, iniciou a súa andaina denunciando as “irregularidades” que presenta o documento de ordenación e que prexudica “gravemente” aos veciños. Tras a recollida de datos para constituírse legalmente esta semana, o seguinte paso será solicitar unha reunión co alcalde, José Antonio Santiso, trasladarlle as súas peticións e coñecer o proxecto urbanístico, aprobado de xeito inicial o pasado 26 de xuño, do que, advirte a plataforma, o Concello facilita información “sesgada, imprecisa e incompleta” debido a que oculta intereses urbanísticos”.
Segundo o colectivo de afectados, o documento prevéfavorecer a incorporación de grandes bolsas de terras adxacentes que carecen de servizos e favorecen a “amigos, cargos influentes e promotores”. Os afectados advirten de que, de aprobarse o plan de forma definitiva, terán que sufragar a urbanización destes “polígonos” malia que os seus terreos xa contan cos servizos necesarios. Manifestan ademais que estes gastos son “extremadamente elevados”. Por este motivo, aseguran, están dispostos a acudir se é preciso á vía xudicial.
O anuncio non gustou ao goberno local do PP. Os de Santiso Miramontes manifestan que o colectivo está formada por “cuatro ou cinco” propietarios que están en desacordo coa inclusión dos seus terreos nun “polígono de desenvolvemento” coa finalidade de convertelos en urbanos. “Cuestión imposible pola súa situación e características, polo que teñen que ser rústicos,” apostila. O goberno conservador di que ”sospeita” de que a intención dos propietarios dos terreos antes mencionadas pretenden presentar un contencioso contra o plan xeral co obxectivo de tratar de “paralizalo. “O Concello non permitirá que intereses particulares prexudiquen ás necesidades de desenvolvemento dos veciños”, destaca nun comunicado o goberno liderado polo ex-tránsfuga Santiso Miramontes.