Foron tres días, dúas noites, 6 km de telas e 150 voluntarios, segundo os datos ofrecidos polo goberno local antes da apertura da XV Feira Franca Medieval. O tempo permitiu desenvolver o programa previsto, pero as chuvias ocasionais provocaron un descenso de público e ventas. A falta dunha valoración oficial por parte do goberno municipal, operarios de distintos servizos afanábanse desde primeira hora da mañá en devolver a Betanzos ao século XXI.
Desde que o espectáculo de fogos artificiais- que non figuraba no programa oficial dos festexos- puxo fin á festa, os diversos artesáns- 130- comezaron a recoller os seus postos e os coches volveron a circular polas rúas do Casco Histórico, que durante tres días serviron de fogar para cabaleiros, aves de cetrería, cómicos e alta nobreza.
Nuns días o Casco Histórico acollerá un novo evento coa inauguración da mostra deste ano da Bienal Balconadas.