Home

O albergue de Betanzos, cuxo proxecto comezou a executarse en 2008, parece estar listo para a súa apertura, pero de momento non se fixou ningunha data de inauguración por parte da Xunta. Hai varios meses que a adxudicataria “abandonou” o edificio, pero o goberno local “non” tiña noticia algunha” sobre os plans do Xacobeo, segundo comunicou o alcalde.

Nunha conversación mantida entre o primeiro edil brigantino e o novo xerente do Plan Xacobeo, José Paz Gestoso, o responsable autonómico asegurou que “en breve, tras unha serie de cambios realizados no proxecto, se solicitará a licenza de apertura ao Concello de Betanzos”. Os prazos non se concretan e o xerente do Xacobeo tan só afirmou que “en breve” se procederá a amoblar o local e que “nun prazo razoable” se podería abrir a casa grande da rúa Peixaría.

Os trámites para abrir este lugar de descanso en pleno Camiño Inglés arrancaron fai xa máis de catro anos. En 2007 a Xunta adquiriu por 248.000 euros o edificio, construído no século XVII. Só uns meses despois iniciáronse os traballos de baleirado e consolidación da estrutura, cuxo investimento superou os 50.000. En 2008, o entón titular da Consellería de Innovación e Industria, Fernando Blanco (BNG), visitou as obras da Peixaría e fixou en 2010 a data de inauguración, coincidindo co Ano Santo.

Pero o cambio de goberno supuxo unha paralización inxustificada do proxecto. O goberno do PP non licitou as obras ata setembro de 2010. BNG e PSOE cuestionaron entón que xa se perdera todo o Ano Santo e a infraestrutura estaba sen comezar. O goberno do PP adxudicou a obra a Ángel Jove Construcciones por un importe de 417.270 euros e iniciáronse mediado outubro sobre a base do proxecto das arquitectas Isabel Aguirre e Mercedes Máquez.

No seu día, a proposta presentada incluía unha recepción con funcións de oficina de información turística na planta baixa; dormitorio principal no primeiro piso e vestiarios, e outro dormitorio no baixo cuberta, que darían servizo a unha trintena de hóspedes. A vivenda completábase cun soto de cen metros cadrados con acceso independente que se ía habilitar como sala de xuntas e exposicións. As actuacións presentadas publicamente por Fernando Blanco na súa visita de 2008 garantían a conservación das lareiras e pías de lavar de cantería, orixinais do inmoble.

O PP pediu que o presuposto municipal recolla unha partida para o albergue

Pero os problemas para o albergue poderían non rematar aí. O PP, en varias notas de prensa, criticou que o goberno municipal non considerase nas súas contas ningunha cantidade para o albergue de peregrinos- unha infraestrutura cuxa propiedade e xestión corresponden ao goberno galego.

Tampouco o edificio destinado a clube de piragüismo é propiedade municipal e os conservadores reclamaron outra partida para que o Concello corra co mantemento do edificio; posteriormente coñeceuse que o goberno galego, en mans do PP, reclamaba 5000 euros de canon anual ao clube de piragüismo.

About these ads