Home

O BNG criticou as medidas do goberno central en contra do pequeno comercio. No transcurso da asemblea aberta celebrada na praza Uxío Novoneyra o voceiro do BNG, Henrique del Río, lamentou que “Rajoy vaia a polos comerciantes liberalizando os horarios á medida das grandes superficies comerciais”. “A liberalización do horario comercial e do período de rebaixas van ter efectos moi prexudiciais no pequeno e mediano comercio”, prognosticou.

Segundo os nacionalistas, as políticas do PP “van tamén a polos autónomos, que son a maioría das pequenas empresas de Galiza, subíndolles até 6 puntos o IRPF”. Para o voceiro do BNG no Concello, “con estas decisións o PP está cortando un traxe a medida das grandes superficies comerciais e contra as PEMES, que xeneran a maior parte dos empregos”.

Ademais, o voceiro do BNG criticou a “brutal suba do IVE, que é moito máis dura do que anunciou tanto Rajoy na súa comparecencia no Congreso como do que anunciou o Consello de Ministros”. E é que moitos artigos e servizos pasan de soportar un tipo do 8 por cento a un tipo do 21, “un salvaxe incremento de 13 puntos que terá consecuencias demoledoras para os autónomos, os pequenos e medianos comerciantes e a pequena e mediana empresa, que son os que crean emprego”, segundo o voceiro nacionalista.

O voceiro nacionalista sinalou que o comercio e a hostalaría veranse prexudicados pola perda de poder adquisitivo derivada dos recortes de salario que sofren os empregados públicos e pola redución das prestacións de desemprego e o recurte nas pensións. “O PP está facendo todo o contrario ao que hai que facer para saír da crise”, denuncian desde o BNG.

About these ads