Era unha actuación relativamente sinxela e que reviste pouca complexidade técnica. Desde setembro o santuario da Angustia, no lugar do mesmo nome na parroquia de San Pedro das Viñas, sométese á substitución dos morteiros dos espazos interiores por outros de cal, máis resistentes e máis respectuosos co templo barroco. Os traballos inclúen outras actuacións menores, como a recolocación dunha doela na capela sur que se encontra descendida, a substitución do falso teito da sancristía e a reparación do paramento de barrotillo debaixo do coro. Con estas actuacións, que custan uns 140 000 euros, segundo a Dirección Xeral de Patrimonio, quedaría rematada a rehabilitación do templo logo de que fai uns anos se reparasen os tellados e se recubrise a cúpula con pranchas de cobre para evitar as filtracións.
Sen embargo, calquera que visite a obra pode ver como os traballos que a Xunta leva adiante no edificio distan moito de estar por concluír, presentando unha demora que ronda os tres meses. En setembro pasado cando técnicos da Xunta levaron a cabo o levantamento da acta de reformulación. Naquela altura Patrimonio aseguraba que os traballos estaba previsto que finalizasen en decembro, coincidindo co remate do ano.
Tres meses despois da data indicada, a empresa que leva a cabo a reforma ten colocados letreiros que prohiben a entrada ao recinto relixioso e tamén instalado o material preciso para levar a cabo os traballos. Resulta evidente, ademais, que a fachada tamén precisa melloras xa que a pedra exterior encóntrase ennegrecida, debido probablemente ao pesado tráfico que pasa a carón da fachada do século XVIII, e varios cristais das vidreiras están totalmente rotos, polo que se supón que o proxecto tamén considera a substitución.
