Unha muller resultou ferida leve na mañá deste martes nun accidente de tráfico rexistrado ao saírse da vía o vehículo no que circulaba na estrada N-VI ao seu paso por Bergondo. O sinistro tivo lugar sobre as 9.15 horas segundo os datos facilitados polo servizo de emerxencias 112 a Europa Press.
Ao lugar desprazouse unha ambulancia asistencial do 061 que atendeu no lugar a unha muller de 35 anos, á que se deu a alta voluntaria e non requiriu traslado a un centro sanitario.
A mesma vía foi testemuño, hai uns días, do falecemento dun home duns trinta anos nas inmediacións do polígono do Espírito Santo. O suceso produciuse neste caso en torno ás seis da madrugada. Sobre a seguridade viaria nesta estrada téñense sucedido iniciativas políticas, protestas veciñais e reclamacións de todo tipo durante o último lustro sen unha mellora notable na mesma por parte do Ministerio de Fomento, titular da vía.
