As Xuventudes Socialistas de Betanzos reclamaron a María Faraldo que pida “desculpas á concelleira de Comercio-a socialista Mónica Carneiro- tras as descalificacións que tivo cara a ela no pleno do pasado mes de febreiro”. Segundo denuncian os cachorros do PSOE, ”estas palabras e tipo de descalificacións están fóra de lugar nunha democracia tan madura na que vivimos e máis cando esta muller foi elixida co respaldo dun gran número de veciños e veciñas da nosa vila”.
“É inaceptable que partidos políticos, como é o PP -que AGORA presumen de abandeirados defensores dos dereitos da muller-, teñan entre ás súas filas a unha señora que cos seus comentarios cheos de desprezo cara a unha muller traballadora intentan sacar algún tipo de rédito político e máis vindo da boca dunha señora que é deputada autonómica”, aseguran desde as mocidades do PSOE. Os mozos socialistas consideran que “máis pronto que tarde, por imaxe democrática, o PP de Betanzos e en particular María Faraldo pidan desculpas”.
Non vai no estilo de Faraldo pedir desculpas
Un rápido vistazo á hemeroteca fai ver que os mozos socialistas piden que choiva no deserto. Faraldo non se disculpou cos edís do PSOE e o BNG cando acusou ao bipartito de “pegar un pelotazo” no Xuncaliño- lugar no que ela pretendeu edificar un novo barrio de vivendas de promoción pública. Tampouco se desculpou publicamente cos funcionarios que denunciou polo affaire de Casa Pita aos que tivo varios anos pedindo penas de cárcere e inhabilitación. Tampouco consta que Faraldo accedese á esixencia dos nacionalistas e se desculpase publicamente polas palabras do seu grupo cando o pleno acordou dedicar unha rúa ao poeta Manuel María. Máis recentemente, a celebración dun festival de música provocou un cruce de acusacións entre Faraldo e Galiza Nova; os cachorros nacionalistas esixiron que a ex-rexedora se desculpase por acusalos de queimar unha bandeira española. Desculpas que nunca chegaron.
