Varias entidades da comarca opóñense á pasarela polas xunqueiras do Mandeo

O Plan Mandeo da Deputación prevé a construcción dunha pasarela que enlace o betanceiro Paseo da Tolerancia coa senda peonil cara Os Caneiros, xa en Coirós, atravesando as xunqueiras e brañas da beira do Mandeo. Varias entidades ecoloxistas opóñense a esta instalación.

Denuncian que “a metade do itinerario vai ir polo carrizal de San Xiao, mediante unha pista peonil feita mediante recheos e catro pasarelas pilotadas”, advertindo do “grave impacto ecolóxico, paisaxístico e hidrolóxico” que isto ocasionará. Aseguran que “na ría de Betanzos se ten citado en época de cría a escribenta das canaveiras iberoccidental, un endemismo ibérico que segundo o censo da Sociedad Española de Ornitología realizado no 2005 soamente quedan en España entre 65 e 71 parellas” e que a pasarela tería consecuencias nesta xoia da fauna brigantina.

A Sociedade Galega de Historia Natural, o Grupo Naturalista Hábitat, o Grupo de Anelamento Hércules e a Asociación Cultural O Rabo do Galo, como entidades conservacionistas activas na bisbarra, opóñense de xeito activo a este itinerario que atravesa brañas e canaveiras e apostan por manter o trazado do camiño secular. Entenden que con esta alternativa poderían aforrarse “un lote de cartos que poden destinarse a outros fins máis positivos”.

Para abordar esta cuestión e outros problemas do Mandeo e a ría de Betanzos esta tarde, a partir das 20:00h celebrarán unha charla no local da AGCDX Lar de Unta, na rúa da Pescadería de Betanzos. Intervirá o naturista Fernando Bandín e está prevista a asistencia de representantes de entidades ecoloxistas, dos anfitrións e mais do BNG.

Advertisements