Axenda completa para a fin de semana

Esta fin de semana terá lugar unha nova edición da feira de saldos MercaBetanzos, organizada pola Asociación de Comerciantes e Empresarios (ACEBE-CCA) co respaldo de Xunta, Deputación e Concello. Durante o sábado e o domingo os visitantes poderán recalar nos postos dispostos nunha carpa cuxa montaxe remata xa na praza dos Irmáns García Naveira. Os comerciantes escollerán, ademais, o stand mellor decorado, que recibirá un premio da organización.

A cita coincide coas primeiras xornadas da remozada Semana da Tortilla, unha reformulación da Festa da Tortilla que non gustou ao PP. Os locais participantes poñerán a disposición do público as tapas polo prezo de un euro e o xurado escollerá de entre eles cinco tortillas. Un segundo xurado escollerá de entre esas cinco á mellor, que representará a Galicia no concurso que se celebra en Alicante.

Ademais, durante toda a fin de semana haberá representacións dentro do Festival de Títeres Consorcio das Mariñas ás 18 h no Liceo e poderán ser visitadas sendas exposicións na Sala Municipal do Liceo e na de Exposicións Temporais do CIEC. Para os aficionados á música a formación local Metelasacala protagoniza un concerto no Pub Public o sábado desde as 23 horas e Iván Bello abrirá en acústico a fin de semana cun concerto o venres ás 22:30 horas no Café Lanzós.

Advertisements