O BNG cuestiona que o PP aprobe “por decreto” a fusión de Oza e Cesuras

Os veciños chancearon así coa fusión

Os veciños chancearon así coa fusión

A portavoz municipal do BNG en Oza dos Ríos, Estefanía Busto, valorou moi negativamente a decisión do Consello da Xunta de aprobar mediante decreto a fusión de Oza e Cesuras. “O Consello da Xunta vén de aprobar de xeito definitivo a fusión dos concellos de Oza e Cesuras, malia non ter ningún respaldo da oposición e sobre todo, da veciñanza” informou a concelleira nacionalista “todo o proceso foi unha manobra escura deseñada polo PP en Santiago, a costas da veciñanza, mesmo chegaron a ocultar as inhabilitacións dos exalcaldes” engadiu Busto.

“O problema non é o número de concellos, como mantén Feijóo, e nin as fusións nin a reforma de réxime local van solucionar os problemas da veciñanza, desde o BNG mantemos que a solución pasa pola supresión das deputacións provinciais”. “O único que pretende o PP coa fusión de concellos é fortalecer as deputacións provinciais, que son institucións valeiras, que o PP precisa para colocar a súa xente a dedo” informou Busto “Feijóo afirma que as fusións son positivas para a veciñanza, pero o que realmente está a facer o PP está a desmantelar as administracións máis próximas ao pobo e dando lugar a un estado cada vez máis centralista, que non ten nada de positivo para as veciñas e veciños de Oza” afirmou a voceira nacionalista.

“O PP chantaxeou ás veciñas e veciños de Oza con promesas falsas, xa fai máis de un ano que se iniciou este proceso e agora estamos vendo que non se cumpriron, o PP mentiu sobre a instalación de Begano, os postos de traballo, a escola infantil e as ‘enormes’ subvencions que xa comprobamos nos orzamentos que eran unha tremenda mentira” explicou a concelleira do BNG. “Feijóo actúa como brazo executor do goberno central, fica claro que o benestar da veciñanza é o que menos lle preocupa ao PP, o único que lle interesa á Xunta é o beneficio do PP”. “Utilizaron desde o primeiro momento a fusión como cortina de fume para evitar que se dea o debate sobre a crise e as medidas suicidas dos gobernos do PP e desde sempre este foi o seu obxectivo principal. Os intereses da veciñanza de Oza e Cesuras sempre lles deron igual” concluíu Busto.

O DOG publica a xestora, da que a Xunta exclúe ao BNG

O DOG de hoxe publica o decreto de nomeamento da xestora que rexirá o novo municipio ata as próximas eleccións municipais. Na relación de nomes figuran dous dos concelleiros de Independentes por Cesuras, edís tránsfugas que concorreron ás eleccións baixo as siglas do BNG. Rueda, Vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PP, exclúe do novo municipio ao BNG, malia que sumou catro concelleiros nas últimas eleccións por tres que sacou o PSOE entre Oza (2) e Cesuras (1).

Advertisements