Malestar pola presenza de embarcacións abandonadas en peiraos e xuncais

No Xuncaliño hai varias destas embarcacións

No Xuncaliño hai varias destas embarcacións

Ás portas do verán son moitas as persoas que teñen amosado o seu malestar pola numerosa presenza de embarcacións abandonadas en ambas as dúas marxes de Mendo e Mandeo. O pasado inverno, a Asociación ARBE (Amigos dos Ríos de Betanzos) chamou a atención sobre esta cuestión, sen que ningún dos organismos con competencia na materia atendese ás súas demandas, a pesar do inicio da tempada estival e dos controis da Garda Civil.

Os usuarios insisten en que, ademais de afear e contaminar a paisaxe, estas barcazas supoñen un estorbo, e mesmo un perigo para a navegación, máis aínda en épocas como a actual, en que non son poucos os veciños que gozan do ámbito fluvial, dos desprazamentos en barca ata as praias da bisbarra ou, remontando o río Mandeo, ata lugares como Os Caneiros.

O Concello ten adoptado varias veces acordos para demandar a limpeza dos peiraos, reposición de pezas e despexe de cauces, en boa parte a instancias dos nacionalistas. Mais a xulgar polo que se ve, ou o executivo de Ramón García despois non trasladou estas demandas veciñais a Xunta e Costas ou estas caeron en saco roto.

Advertisements