O BNG pide a dimisión do alcalde de Oza tras confirmarse sobreprezos na tala de O Paraxón

Unha vista de arquivo do sanatorio, ubicado no lugar do Paraxón

Unha vista de arquivo do sanatorio, ubicado no lugar do Paraxón

A filtración dun informe encargado polo Concello de Oza-Cesuras sobre a tala do monte do sanatorio do Paraxón, no antigo municipio cesurán, provocou as iras da oposición.”Vimos de saber pola prensa que o orzamento do proxecto de recuperación do parque do Sanatorio aumentou en case 20 000 euros”, indicou Estefanía Busto, voceira dos nacionalistas no Concello. “Estes datos mostran o que viñamos denunciando naquel momento, así como as mentiras de González Cacheiro” sobre a tala e a xestión do contrato.

Os nacionalistas, ademais de criticar a filtración do informe ao rotativo La Voz de Galicia por parte do equipo de goberno popular arremeten contra Cacheiro por evadir a súa responsabilidade cargándolle a culpa a Julián Lucas, anterior rexedor cesurán. “Desde o BNG xa cuestionamos que se adxudicara o contrato para o aproveitamento da madeira á empresa familiar dun concelleiro do PP”, informou a voceira nacionalista. “Todo o proceso que rodea este tema do sanatorio segue envolto de escurantismo. O o actual presidente do novo concello fusionado primeiro desenténdese do tema, alegando que é un contrato do anterior concello de Cesuras e agora enterámonos da conclusión dos informes a través dos medios de comunicación”.

“Van máis de 200 000 euros gastados na presunta recuperación do sanatorio, que en realidade consistiu nunha tala para beneficio dun amigo e en colocar 6 bancos. Non nos queremos imaxinar a canto inflarán as partidas se algúnha vez se deciden a rehabilitar o edificio”, ironizou Busto, “parece que algúns seguen entendendo o concello como un negocio persoal, como unha maneira de enriquecerse con cartos de todos”.

Advertisements