Transparencia con trampa no Concello de Betanzos

Captura de pantalla do web municipal de transparencia. Nas notas ao pé están as aclaracións da periodicidade das xuntanzas, cun claro sesgo informativo

Captura de pantalla do web municipal de transparencia. Nas notas ao pé están as aclaracións da periodicidade das xuntanzas, cun claro sesgo informativo

Hai uns días comezaba a funcionar o portal institucional de transparencia do Concello de Betanzos. Un trámite obrigado pola Lei 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, que establece prazo límite en fin de ano para que todas as institucións públicas cumpran debidamente con estas obrigas de información pública- a pesar do cal Betanzos Novo pretendeu atribuírse o “logro” da apertura deste web en base a unha moción plenaria que reproducía outras de anteriores lexislaturas.

O Concello de Betanzos comezou moi tarde a facer os deberes para cumprir esta lei do ano 2013. As denuncias pola opacidade do goberno local do PSOE, a súa demora en achegar a documentación aos grupos da oposición para poder controlar a acción do goberno ou a negativa a facer públicos acordos tan elementais como os adoptados polo pleno ou o goberno son unha constante e a réplica do goberno socialista era poñer en duda tales afirmacións.

Ata que a apertura do portal de transparencia- moi incompleto aínda, deparou xa as primeiras evidencias de que non é ouro todo o que reluce e que, efectivamente, o Concello de Betanzos, a pesar do web, segue sendo opaco. E isto a pesar de ter un concelleiro dedicado en exclusiva a encher de contido este portal de transparencia segundo manifestou o alcalde cando cesou ao concelleiro de Urbanismo como tenente de alcalde para outorgarlle un salario ao edil de “Información Cidadá e Novas Tecnoloxías”, Andrés Teijo Hermida.

No que leva funcionando o portal xa hai dous casos nos que se aprecia que a transparencia que o titula non é tal. Ou non todo o que debera.

Plenos medidos mensualmente, xuntas de goberno “para pensar” semanais

O portal contén un certo sesgo informativo para rendir conta das retribucións do goberno local. Así, para dar conta do que perciben os edís do goberno que non teñen dedicación exclusiva relatan que hai “un pleno ao mes”, “dúas comisións decisorias ao mes” e “unha comisión deliberatoria por semana”.

Tirando de diccionario, a medición é “un proceso básico da ciencia que consiste en comparar un patrón seleccionado co o obxecto ou fenómeno cuxa magnitude física se desexa medir para ver cantas veces o patrón está contido nesa magnitude”. Neste sentido, para realizar a medición das xuntanzas polas que cobra o equipo de goberno deberá utilizarse o mesmo patrón: ou meses ou semanas.

Así, o sesgo introducido pretende evitar que nunha primeira lectura se poida saber que hai catro xuntanzas mensuais que celebra o equipo de goberno do PSOE para que catro concelleiros cobren 152,75 euros por sesión. De non dar unha lectura demorada á información publicada, sacarase erroneamente a conclusión de que cobran por un pleno, dúas xuntas decisorias e unha deliberativa, porque na última se cambia a magnitude que mide a periodicidade das xuntanzas.

O que perciben nun mes os edís Barral Varela, Carneiro Cid, Veiga Pita e Teijo Hermida- responsable do web da transparencia segundo manifestou o goberno local en reiteradas ocasións- é 235 dun pleno, 117,50 x 2 polas xuntas de goberno “decisorias” e 152,75 x 4 polas xuntas de goberno “deliberativas”- sorprende que se entenda que hai máis responsabilidade e se pague máis por “pensar” que por “decidir”. En total, 1081 euros ao mes, xuntanzas extraordinarias aparte.

Contratos pechados por fóra do portal de contratación

A outra proba de que a transparencia que di conter o portal non é a que debera deuna onte o BNG, ao denunciar o proceso para privatizar o servizo de limpeza do colexio. Os nacionalistas denunciaron que “Non houbo ningún concurso público nin se publicou nada sobre esta contratación no perfil do contratante para que se soubese que se estaba levando adiante nin para que calquera empresa puidese presentar a súa oferta”. “Como é uso e costume co goberno do PSOE, o contrato para a privatización do servizo de limpeza foi, unha vez máis, a dedo”, a quen ao goberno do PSOE lle convén darllo, cun custo probabelmente maior para a veciñanza ou, se cadra, fraccionando os contratos para evitar o control”, aseguran.

Efectivamente, consultando o apartado relativo aos contratos o portal redirixe ao “perfil do contratante” que xa operaba anteriormente na web do Concello, e del se pasa á web da Xunta que centraliza todos os contratos de Galicia. E nin nos contratos adxudicados nin nos procedementos abertos hai rastro da contratación da limpeza para o centro escolar.

Advertisements