Amigos de los Ríos pediu ampliar o peirao de atraque no trazado do polémico paseo pola Cañota

A ponte e a escolleira proxectadas. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNG

A ponte e a escolleira proxectadas. A imaxe do proxecto foi remitida polo BNG

A publicación das actas das xuntanzas do goberno local no portal de transparancia do web municipal depara sorpresas. O día antes de abrirse as festas de San Roque do pasado ano, a xunta de goberno local- da que o rexedor xa expulsara a Antonio Vázquez Lorenzo para substituílo por Andrés Teijo Hermida e pagarlle así un salario de algo máis de mil euros- mantivo unha xuntanza ordinaria. O segundo punto abordado ese día era un escrito de ARBE, a Asociación de Amigos de los Ríos de Betanzos.

Segundo a escueta nota que figura na acta dese día, a entidade presentou un escrito no que solicitaba a ampliación do peirao do Paseo da Tolerancia “augas arriba das instalacións existentes”. Segundo figura na acta, “a xunta de goberno local dáse por enterada” do tal escrito.

A solicitude de Amigos de los Ríos demanda construír máis metros lineais de peirao de atraque para embarcacións nas hortas da Cañota, a continuación do paseo actualmente existente, que circunda o convento das nais agostiñas. Unha actuación aínda máis agresiva coas beiras do río que a prevista no proxecto de senda a carón do Mandeo ata Os Caneiros que arrinca precisamente dese lugar e que oito entidades ecoloxistas e o BNG cuestionan polo seu elevado custo e o seu impacto ambiental. Esta obra incluiría, segundo o proxecto feito público no seu día polos nacionalistas, unha pasarela de madeira alicerzada en zapatas de formigón dun metro con protección de “escolleira formigonada de 100-200 kg”, zapatas de formigón de medio metro cúbico para calzar os pilotes dun paseo en zonas inundables, o desmonte de parte da ladeira na que se ubica a Fonte dos Ánxeles ou unha canalización de saneamento na liña de marea baixo unha senda encaixonada nun leito de formigón.

Se ecoloxistas e nacionalistas se opoñen a este proxecto polo seu impacto no río e na flora e fauna da ribeira e polo custo que obra e mantemento depararían, esta semana o informe de 2015 ven de revelar que a Defensora del Pueblo respalda a visión de todas estas entidades críticas coa obra. Advirte nun informe remitido ao Concello que ” “a mera afirmación de que non é de esperar que se produzan afeccións que menoscaben os valores naturais do espazo, non parece supoñer unha avaliación ambiental completa, en particular respecto da especie de ave catalogada en perigo de extinción, aínda que o trazado da senda afastouse uns metros do hábitat da especie”.

Advertisements