Os comerciantes do Casco Histórico constituirán outra entidade asociativa á marxe de ACEBE-CCA

Coches aparcatdos no casco histórico

Coches aparcardos no casco histórico

Era un segredo a voces. Unha parte dos comerciantes do Casco Histórico acordou prescindir de ACEBE-CCA e constituirse en sección de comercio da Asociación de Amigos do Casco Histórico, que reclama recuperar sen restricións o tráfico e estacionamento na zona noble da cidade dentro do horario comercial. Son os mesmos establecementos que colgaron hai semanas esquelas para protestar contra a actual normativa de tránsito na zona monumental.

Advirten, xa de entrada, que a intención desta sección comercial de Amigos do Casco é, desde o inicio, presionar ao executivo local para que aplique “de inmediato” o plan de aparcamento “expres” que leva nun caixón do consistorio desde 2013. “Este é o momento” asegura a voceira do colectivo empresarial en sintonía plena co que hai uns días aseguraba a vicepresidenta da Asociación de Amigos do Casco Histórico, Adriana Blanco Otero, “el tiempo de las propuestas ya pasó, es el momento de la acción”.

Con esa vontade de lobby esixirán do rexedor unha entrevista para coñecer o detalle da proposta de ordenación do tráfico- que o BNG betanceiro ten publicado no seu web desde hai días. Pretenden, con esta xuntanza, coñecer onde e cantas son as prazas de aparcamento do denominado parking expres e reclamar que se pare a campaña de sancións emprendida nas últimas semanas pola Policía Local. Sosteñen que as sancións que os axentes impoñen por estacionar indebidamente na rúa Travesa ou na Praza da Constitución son “discriminatoria” e critican que haxa “sanciones en unos casos y en otros no, un día sí y al siguiente no…”.

O lobby comercial da zona monumental anuncia que impoñerá ao alcalde e aos seus edís dun prazo de 20 días para recibilos a fin de esixirlles unha explicación pormenorizada do plan de estacionamento. Advirten de máis acción de presión se o executivo non se prega a estas condicións.

O movemento supón a creba da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto como único representante e interlocutor do pequeno comercio betanceiro. Con dúas entidades gremiais, Betanzos retorna aos tempos en que ASCOBE, creada nos primeiros oitenta do pasado século, representaba aos comerciantes e a Asociación de Empresarios facía o propio coas PEMES. O problema engadido é que ACEBE-CCA perde representatividade no Casco Histórico, un lugar no que, segundo publicaban no seu xornal hai anos, se centraría a primeira etapa da implantación dun centro comercial aberto que nin sequera saltou dos papeis á sinaléctica comercial.

Advertisements