A tradición das herbas de San Xoan

tumblr_m65w7aSwWB1qa1vw3As herbas de San Xoán son as diferentes prantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na vespera de San Xoan, que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de San Xoán posúe propiedades máxicas.

As orixes remóntanse ás celebracións pagás do solsticio de verán. As tradicións populares non asumidas polo cristianismo foron combatidas por Martiño Dumiense, bispo de Braga no século VI, que non puido impedir que estas tradicións chegasen a hoxe en día: o lume e facer auga de herbas e así afastar o mal de ollo, as meigas e as envexas.

Aínda que as herbas que se utilizan varian en función das diferentes zonas do País e da propia comarca as básicas son:

  • O fiuncho: crese que espanta aos malos espíritos e é moi especial para apartar o mal de ollo.
  • O fento macho ou fieito. A lenda asegura que só durante a noite de San Juan esta peculiar planta florece, para á mañá seguinte volver á súa forma orixinal.
  • O codeso. Malia que esta planta é tóxica para o gando, a súa capacidade para «varrer»os malos espíritos convértea nunha das plantas básicas da Noite Meiga.
  • A abeloura ou herba de San Juan. Considerada como unha das plantas que eliminan das casas a presenza do demo, o refraneiro dten unha frase dedicada á súa poder: «A herba de San Xoán limpa a cara de grans».
  • A malva común. Ten capacidades curativas para a bronquitis, os nervios ou ata os problemas digestivos.
  • O romeu. Considérase que é a principal protectora dos fogares durante a noite de San Juan.
  • Herba luisa. É a herba que debes utilizar si o que buscas o próximo ano é o amor.

Tamén se empregan coma herbas de san Xoán:

  • Dedaleira ou estraloque, é a planta galega con máis nomes. É velenosa, contén unha droga que fai latexar o corazón máis de presa. Por isto é moi utilizada para afeccións de corazón e tamén para os ouriños. Considérase máxica, disque escorrenta as bruxas e as desgrazas se se pon na porta a noite de San Xoán.
  • Trobisco (Daphne gnidium), arbusto cuxas follas esmagadas son moi velenosas para as troitas e peixes. Xa o cita C. Gasquoine Hartley, cando no 1911 escribiu o libro “Un verán en Galicia” , publicado por Galaxia. A presenza, sobre todo nas súas bagas dunha resina, a mezerina, e outro composto a daphnetina, de alto poder tóxico para persoas e animais, non impediu que esta planta se utilizase polo home para outras fins: en cosmética úsanse as follas para fabricar un ungüento que tinxe os cabelos de negro e elimina a caspa; o poder vesicante das follas utilizase para as feridas.Tamén se utilizaba para sandar as orellas unha vez que se facía o burato para os pendentes. Tamén como como insecticida, para matar piollos, formigas, e chinches.
  • Espadana.
  • Herba de Nosa Señora ou artemisa (Artemisa vulgaris),
  • Macela ou matricaria, ten moitas propiedades medicinais.
  • Herba punteira ou sempreviva dos tellados (Sempervivum tectorum),
  • Roseira brava, é medicinal.

Follas de:

  • Sabugueiro, Arbusto moi medicinal e considerado sagrado polos celtas. As flores , bagas e casca teñen moitos usos domésticos como purgantes, insecticidas, para facer inhalacións, tinturas etc.
  • Nogueira, ten multitude de propiedades medicinais. Recoméndase coller a folla con tres noces.
  • Amieiro, a árbore sagrada dos ríos galegos.
  • Hedra, considerada planta sagrada do calendario celta.
  • Carballo, a árbore sagrada de Galiza e moitas outras cultura europeas.
  • Visgo, considerada planta sagrada do calendario celta.

Outras herbas son: tomiño, folla de cana, ruda, hortelá, mentraste, estraloque, herba lemona, ourego, loureiro, verxebán, allo, herba do Carme, silveira, folla de figueira, folla deumeiro, folla de laranxeira, hortensia, folla de viña branca, arzais, rosas de nabo, ágramo, herbas de San Pedro; rosas de sábrego; poutas de lobo, follas de castiñeiro, árnica falsa entre outras.

PREPARACIÓN

A preparación consiste en coller auga de sete fontes. A tradición recomenda deixar estas plantas e flores nunha talla con esta auga á intemperie  para que lle caia o orballo durante a noite. Segundo a tradición o orballo dá as virtudes ás herbas, tema que foi cristianizado dicindo que é San Xoán que as bendí. Por riba da talla cómpre colocar uns cardos ou unhas silveiras para evitar que o demo cague nel. Tamén hai quen lle botaba unhas moedas.

Á mañá seguinte lavámonos con esa auga verde e recendente, especialmente a faciana e os pés purificando a pel; en certas zonas este lavado ha facerse mirando ao oriente, para recibir as primeiras raiolas do sol. Deste xeito procúrase non avellentar, sandar e previr enfermidades cutáneas e rexuvenecer a pel. En especial é importante que se laven os nenos.

A auga suponse que ten propiedades menciñeiras, máxicas, para sandar os ares lurpios, e envexas; ademais das propiedades cosméticas, para pór mais bonitas ás mozas e darlles boas cores e finura de pel.

A herba sécase durante varios días ao sol para ser utilizada logo en múltiples remedios caseiros. Por exemplo a ruda, a herba luísa e a macela contra as dores de barriga. A hortelá e os estraloques contra o proído das estrugas. As follas de nogueira con tres noces sanda as chagas do corpo. O romeu cocido con viño sandaba as dores de gorxa, barriga e tamén as dores do gando, e sen o viño era boa para a reuma, nervios e arrefriados. O loureiro e o allo trillábanse para limpar as aireadas e contra a reuma. A herba de San Xoán limpa a cara de grans.

 

Advertisements