Celebracións de San Xoan

A Noite de San Xoan pintada por Castelao

A Noite de San Xoan pintada por Castelao

Na noite de San Xoán, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa, especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de San Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan o solsticio de verán.

É unha das festas antropoloxicamente máis importantes en Galicia. Moitos ritos de carácter máxico ou supersticioso asócianse a esta tradición: saltar as fogueiras, pór un ramo de herbas de San Xoán nas portas da casa coa finalidade de protexerse das meigas, lavarse ao amencer en mananciais ou con auga de rosas etc.

O ritual co que máis se identifica a noite de San Xoán son as fogueiras que se prenden na tarde-noite do día 23, tamén chamadas lumeiradas na nosa comarca, mais tamén cacharelas, cachadas, cachelas ou fogueiras. Durante os días previos, os mozos e veciños van amoreando diverso material nalgún lugar aberto e de paso público (prazas, encrucilladas ou, actualmente, praias) ata que, no comezo da noite, préndese lume entre a expectación de todos os veciños. Nas horas seguintes, comen sardiñas á brasa e beben viño, cantando e bailando ó redor da fogueira e, cando esta está practicamente consumida, terminan saltando sobre as últimas lapas mentres se exclama:

Salto por riba
do lume de San Xoán,
para que non me trabe
cadela nin can

O número de saltos que deben facerse á lumeirada tamén varía segundo as zonas mais nas Mariñas a tradición obriga a saltar 7 veces o lume. Ata non hai moito era frecuente tamén nas celebracións dos rueiros facer trasnadas como cambiar os portais das fincas ou as ferramentas de sitio.

Esta noite, di a tradición, andan as meigas soltas. Por iso as herbas de San Xoán póñense a coller o relente e logo en auga, para lavar a cara antes de que rompa o día. Así se repelen as meigas. Do mesmo xeito, o ramo seco debe quedar nun dintel dunha porta ou fiestra para espantalas, ou na corte noutros tempos. E coas cinzas da cacharela tamén se trazaba o perímetro da propiedade, para evitar meigallos. Ecos, en definitiva, dunha celebración netamente agraria, ligada ao ciclo do sol e as colleitas.

Na nosa comarca tamén era frecuente queimar un boneco feito de roupas vellas que se situaba na cimeira da lumeirada. Din os estudosos que pode ser o eco que persiste de antigos sacrificios humanos na noite do solsticio de verán, con efectos máis potentes se cae no plenilunio. A lúa chea este ano adiantouse uns días ao San Xoán.

E ao rachar o día era o momento, segundo a antiga e rica mitoloxía galega, de andar con ollo coas mouras, as encantadas habitantes dos castros- nada que ver con mulleres musulmás. É o día que prefiren para andar cos seus encantamentos, así que ollo con peites de ouro, moletes de pan de tres picos e fermosas mulleres que desaparecen por encanto de xunto a fontes umbrías.

CELEBRACIÓNS NA COMARCA

En Betanzos as celebracións quedan en mans de negocios de hostaleria que celebran lumeiradas e sardiñadas para convidar aos seus clientes como O Lanzos, que como xa ven sendo tradicional celebra o San Xoan cunha lumeirada na praza de Santiago, con sardiñas e música – Fonky donky-. Este ano ademais terán un stand do Banco de alimentos da provincia e cambiarán sardiñas por alimentos non perecedeiros para aproveitar a celebración levando a cabo unha accións solidaria. Ademais varios locais da Cañota agrúpanse un ano máis para celebrar o San Xoán cunha festa no Paseo da Tolerancia a partir das 21 da noite. Neste caso con churrasco e música de Marcos Mella e un DJ. O prezo será de 2 euros por consumición e churrasco.

En Sada, o consistorio repartirá 1.300 quilos de sardiñas, ademais de viño ou resfrescos, pan e cunca conmemorativa ao prezo de tres euros a ración (seis sardiñas, cunca, pan, prato e bebida) e a celebración do Curruncho estará amenizada por Queiroa.

En Bergondo, Policía Local e Protección Civil despregarán un operativo especial, en contacto permanente coa Garda Civil de Sada, con controis nos areais, onde se concentrarán as “lumeiradas”, velando por que se cumpran as normas, sobre todo en canto ás distancias en caso de vento, informou o goberno de Pérez Máquez. En Gandarío reservarase un área acoutada sen fogueiras, e estas non se poderán acender antes das 20.00.

Advertisements