O intercambio de mómaros entre Betanzos e Pontedeume culmina na Festa das Peras

A pasada fin de semana Pontedeume celebrou a Festa das Peras, onde un dos platos fortes da programación é o baile dos mómaros na praza do Concello ao son da súa muiñeira, o ñoroñó. Este ano, os xigantes eumeses participaron no San Roque betanceiro, devolvendo a visita que a máis vella das parellas de mómaros brigantinos fixeran o pasado ano á vila dos Andrade e anticipando a culminación deste particular intercambio a pasada fin de semana.

En Pontedeume os mómaros son unha parte moi importante, singular e emotiva do programa de festexos. Diso dan proba a cantidade de videos subidos por eumeses e visitantes no youtube amosando os seus bailes. En Betanzos apenas desfilan, sen o mimo e o recelo con que en Pontedeume gardan esta tradición que se remonta ás confrarías medievais. E iso que os mómaros eumeses e unha das parellas betanceiras son irmáns xemelgos. Segundo o web “Teatro en Galicia” os de Pontedeume foron creados nos primeiros anos 80 polo escultor César Lombera, que hai que supoñer pai tamén da dama e o romano betanceiros. A outra parella de Betanzos, o rei e a raíña, foron adquiridos por catálogo a unha casa catalana nos noventa, que aínda hoxe os mantén en catálogo.

Artesanía, nome, música, bailes… patrimonio arredor dos mómaros

As orixes son medievais, nas representacións litúrxicas das confrarías gremiais en torno ao Corpus. Mais foron decaendo e desaparecendo progresivamente nos primeiros decenios do século XX das vilas e cidades galegas. Rexorden nos oitenta, cando os Concellos os recuperan. Por iso, con salvedades, a maioría dos xigantes galegos son actuais, dos 80 e 90, como o caso dos betanceiros. Lombera é pai de moitos deles, mais hainos importados de Valencia, Zaragoza ou Barcelona, como a parella de reis betanceiros. Consérvanse varios exemplares centenarios, como os do cabildo compostelano (obras de dous artistas de primeira fila: o escultor Mateo de Prado en 1660 e o arquitecto Sarela en 1757) ou os de Ribadeo, musealizados e substituídos por réplicas en fibra de vidro.

A parella anterior de mómaros na Porta da Vila

A parella anterior de mómaros na Porta da Vila

Pero hai moito máis patrimonio encerrado en torno aos mómaros. O primeiro, o propio nome. Mómaros é como se lles denomina en Pontedeume, Betanzos, Ribadavia e Allariz, utilizando unha voz galega documentada desde finais do século XIX co significado tanto de xigantón como de máscara ou, popularmente pasmarote. A raíz momo emparenta a palabra cos Momos e Momerías baixomedievais, que eran espectáculos de máscaras habituais en Galicia e Portugal onde a voz momum, co significado de máscara, esta documentada en 1256, do mesmo xeito que en inglés mummer, «máscara», ou o francés momerie, «mascarada».

Ao ser de materiais perecedeiros, exixen ser substituídos cada certo tempo. En Pontedeume ou Betanzos houbo varias parellas- en Betanzos documentáronse unha parella de reis e están fotografiados dous xigantes masculinos con pinta de rexedores, alguacís ou coéngos. En Pontedeume está documentada a súa queima pública, ao xeito de fallas, no inicio das festas na praza do Conde ou do Mercado cando se substitúen debido ao seu deterioro polo uso.

A música que os acompaña é igualmente singular. En Pontedeume bailan unha muiñeira chamada na vila “ñoroñó”, tal vez en alusión onomatopéica. Ao son desta muiñeira bailan os mómaros e fan piruetas cos seus brazos móbiles e rematan bicándose. En Betanzos está documentada unha danza de corcobados que executaban no século XVIII os xigantes no adro de Santiago, mais non se conserva partitura que se saiba. Si hai música no Cancionero Musical de Galicia compilado por Casto Sampedro y Folgar nos primeiros anos do século XX de varias pasarrúas e pasacorredoiras usados polos mómaros noutras vilas galegas, así como música composta para eles directamente en localidades como A Guarda ou Pontevedra.

Os mómaros en Betanzos

momaros

Dous dos mómaros betanceiros: a dama da parella “vella” e o rei da parella “nova”

Documentados desde o século XVIII, en 1756 as autoridades trataron de prohibir a danza que bailaban na praza de Santiago ao remate da procesión do Corpus. Os documentos non revelan de onde saían nin desde cando. Nos inicios do XIX os mómaros xa se trasladaran á programación das festas patronais de San Roque, co “pito y tambor” e o “Bartolo” e demais músicos. Nos primeiros anos do século XX documéntase xa que saen os tres primeiros días das festas, como recollen prolixamente os programas festivos e fotos. Naquela altura, eran dous homes vestidos como de alguacil ou coéngo, mutados en dous reis masculinos a xulgar pola cartelaría das festas de 1946.

O seguinte reemprazo debeu levar xa aos mómaros xemelgos dos eumeses, que acudían tamén aos Remedios o 8 de setembro. Cando no cambio de década entre os 80 e os 90 o Concello adquiriu a parella de reis actual o romano e a patricia foron parar aos almacéns municipais en lugar de seguir a tradición do seu desmantelamento. Dalí saíron repintados e restaurados á volta da seguinte década. Desde entón saen, ás veces as dúas parellas, ás veces en trío, desfilando. Este ano, as dúas parellas xemelgas de betanceiros e eumeses en irmandade.

Cando non saen nos desfiles das festas de San Roque- ou van a Pontedeume en intercambio- os mómaros betanceiros descansan no vestíbulo do Edificio Arquivo, facendo as veces de columnata. Foi unha novidade introducida polo goberno do PP. Antes, coma practicamente todos os do seu xénero, eran embalados e repousaban nos almacéns municipais ata a seguinte saída, para o cal de cando en cando recibían “curas” reparando desconchóns e pintura de percances diversos.

Advertisements