García anuncia na prensa asturiana que fará unha réplica dos leóns de Covadonga

Porta principal ou dos Leóns do vello Pasatempo. As esculturas foron vendidas a Covadonga e o portal ao bergondés pazo de Armuño

Porta principal ou dos Leóns do vello Pasatempo. As esculturas foron vendidas a Covadonga e o portal ao bergondés pazo de Armuño

Alleo ao rexeitamento que levanta a súa idea entre a veciñanza, o rexedor brigantino pisa o acelerador na súa teima por “repatriar” os leóns de mármore de Carrara que levan máis de catro décadas custodiando a entrada ao recinto de Covadonga, en Asturias. Esta pasada fin de semana, Ramón García aseguraba no diario asturiano El Comercio que “se eses leóns non veñen temos que tratar de recuperar un pouco a súa imaxe no parque do Pasatempo, que o recuperaremos no futuro, e encargaremos unhas réplicas para que sigan tendo o seu espazo no novo proxecto”.

García Vázquez teima, a pesar de que é practicamente unánime a crítica á súa idea, e insiste en que “en Covadonga poden facer unha copia tamén e traer para aquí os orixinais. Hai que sentarse e ver si houbese algunha posibilidade”. Porén, ao rotativo asturiano tamén lle recoñeceu que, malia o alboroto que a súa idea ten levantado, “non hai ningunha proposta de compra definitiva” ao patronato que rexe o santuario astur para o que define como “recuperar” os leóns para o parque betanceiro.

E desde os descendentes dos García Naveira chegoulle outra dura crítica ao executivo que preside García Vázquez. Desde as páxinas de El Ideal Gallego, Jaime Lafora, pregoeiro das festas do pasado ano e bisneto de Juan García Naveira, criticaba os termos da proposta do goberno municipal do PSOE. “Os leóns nunca foron do Concello de Betanzos. Pasaron dun particular a unha institución, por iso a palabra ‘recuperación’ está totalmente fóra de lugar para os Leóns do Pasatempo” sostiña nunha entrevista o pasado domingo. Advertiu ao goberno socialista, ademais, que “antes de pedir axuda debemos facer nós os nosos deberes e estes, non creo que se estean facendo en relación co Pasatempo”. “Hai que aportar solucións cos medios que se teñen e dar solucións con creatividade para exercer coa maior dignidade posible o encargo que outorgan os cidadáns. O ver como pasa o tempo non é a solución” censurou.

Desde a Corporación, despois dunha semana vendo como ía a cousa entre a veciñanza e que só o BNG cuestionaba publicamente a “ocorrencia”, o PP tamén cuestionou a a idea do PSOE local. Non o fixo desde publicacións oficiais do partido, senón desde os perfís na rede social facebook da exalcaldesa e do actual portavoz da dereita. Abriu lume María Dolores Faraldo Botana ás nove menos cinco da mañá do pasado día 14, venres. “En lugar de limpiar y mantener el Pasatiempo, el Alcalde ha decidido entretener con la recuperacion .de los Leones. Una cortina de humo para que no se hanle de lo importante su dejadez en este tema. Y muchos mas.” aseguraba no seu perfil oficial.

Visto o posicionamento da ex-rexedora, o actual voceiro do PP, José Ángel Rodríguez, envalentonouse nun longo post publicado pasadas as catro e media da tarde do venres. Nel acusa ao rexedor de “gastar energía y desviar y ocultar los graves problemas en lo que se está sumergiendo a Betanzos” . “Mire, no le digo que ni bien ni mal en esa singladura que acaba de comenzar en esa recuperación de los Lenones ( comprados en su día por una administración del principado ,así que ya me dirá que prentende….pero bueno) o esa continúa salida en prensa por ese plagio de un cartel, pero mire, no sé porqué, pero todo esto no está siendo más que una clara y evidente tapadera por todo lo que está sucediendo realmente en Betanzos y que a usted ni su equipo de gobierno evidentemente no les interesa” engadía para pasar a pedirlle ao PSOE e ao alcalde que se ocupen “verdaderamente y de una vez por todas de los problemas que si tiene usted encima de la mesa”.  Mantemos a redacción orixinal dos escritos de ambos líderes conservadores, conservando redación e faltas ortográficas, para evitar acusacións de manipular as súas opinións.

Os partidos que apoian ao PSOE, BN e CxG non fixeron valoración pública do tema. Nos orzamentos que as tres forzas pactaron e aprobaron non figuraba ningunha partida para esta operación, nin atribuíron tal finalidade publicamente a ningunha das partidas xenéricas que aparecen nas contas.

 

Advertisements