O BNG reitera a petición dunha rampla para facer accesibles as oficinas municipais do Liceo

O Salón Azul está na á esquerda do primeiro andar do Edificio Arquivo

As oficinas xerais do Concello están no baixo dereita do Edificio Arquivo

O BNG trasladou de novo ao Pleno os problemas de accesibilidade nos edificios municipais. “Temos presentado varias veces iniciativas relativas á accesibilidade nos edificios municipais, singularmente ás oficinas xerais do Concello, situadas no Edificio Arquivo. Contan con varios chanzos que dificultan que persoas con problemas de mobilidade poidan facer vida independente, ademais de dificultar o acceso a persoas con cadeiras de rodas de crianzas”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.

“Nalgunha ocasión o goberno local tennos respondido que Patrimonio non autorizaba instalar unha rampla de obra no frontal do Edificio Arquivo”, indicou Del Río, quen demandou do goberno local do PSOE que valore outras noutras posibilidades, como modificar o acceso á Alameda e a entrada posterior, ou instalar unha rampla de madeira, acorde co entorno, que se poida retirar cando pechan as oficinas.

Desde o BNG consideran que non se pode manter esta situación de discriminación para persoas con problemas de mobilidade reducida e reclamaron ao goberno local do PSOE “unha solución para garantir o acceso aos edificios públicos das persoas con mobilidade reducida”. Neste sentido, recordan que xa trasladaron varias veces a Pleno esta demanda social. “En abril de 2014 o goberno local respaldou unha moción nosa para instalar ramplas nas oficinas xerais do Concello, Patrimonio freoulles un proxecto concreto e deixaron todo parado”, lamenta o voceiro do BNG.

Advertisements