A xornada de Defuntos toma o relevo a unha feira de abarrote

Porta do recinto histórico do cemiterio

Porta do recinto histórico do cemiterio

Coa castaña como raíña indiscutible Betanzos celebrou onte a Feira de Todos os Santos, unha das máis populosas de todo o ano, con permiso do primeiro de maio. E como nesa, as flores tiveron tamén un protagonismo excepcional debido á xornada de hoxe, a de Defuntos que está a encher desde primeira hora o cemiterio municipal. Desde primeira hora da mañá de onte os vehículos colapsando as entradas á cidade e estacionados á beira das principais estradas agoiraban a masificación que o Campo e as rúas próximas rexistraron ata ben entrada a tarde. Nin o madrugador orballo, que deu tregua a media mañá, impediu que se rexistrase unha alta afluencia entre as que reinaron castañas e crisantemos.

 

A afluencia de xente procedente de toda a comarca fixo que o Concello tivese que despregar un dispositivo especial de tráfico. Betanzos rexistrou os colapsos e as dificultades de estacionamiento de todos os anos, aínda que ningunha incidencia relevante, segundo informou a Policía Local.

Hoxe toma o relevo cemiterio municipal, cunha grande asistencia de visitantes, que se afanan en amañar panteóns e adornalos con ramos de flores frescas para recordar aos defuntos, cuxa festividade se celebra hoxe. Pola tarde terá lugar a ofrenda do Concello ante a Cruz dos Caídos, que preside o acceso da parte nova do camposanto municipal. Unha misa de ánimas nos Remedios será a previa a este acto no que se recordará a todos os veciños mortos neste ano.

 

Advertisements