Denuncian que a taxa aos bancos polos caixeiros na rúa podería estar sen cobrar

O centro de maiores ubícase sobre a oficina de Novagalicia Banco

Oficina de Abanca co caixeiro na rúa en primeiro termo

O BNG denunciou que o goberno local non está cobrando ás entidades bancarias a taxa por instalar caixeiros na rúa. “Na conta xeral do ano 2015 non aparece un só euro como ingreso en concepto da taxa que se estableceu para cobrar ás entidades bancarias por abrir caixeiros automáticos á rúa”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río, que engade que nas restantes taxas por ocupación da vía pública si figuran recollidas as contías ingresadas.

Os nacionalistas recordaron que esta taxa se implantou no ano 2011 a proposta do BNG. “Agora que tanto se fala de cobrarlles ás grandes empresas como as entidades bancarias, queremos recordar que en Betanzos esta taxa existe desde o ano 2011 e a proposta partiu do BNG”, indicou Del Río.

O portavoz do BNG explicou que na conta xeral non aparece ningunha cantidade en concepto de recadación por esta taxa a pesar de que hai entidades bancarias que manteñen os caixeiros na vía público. Por este motivo, demandou ao goberno local do PSOE información sobre “se se esta taxa se cobra, e de ser o caso, cal foi a recadación e en que partida do orzamento de ingresos fan as anotacións? En caso contrario, por que non se cobra?”.

O BNG publicou o contido íntegro da conta xeral do 2015 no seu web e os datos que reflicte dan pé a estas dúbidas da formación nacionalista: como previsións iniciais figuran 1.244,50 euros, que pasan a ser 0 na liquidación realizada, polo que a fin de exercicio eses mesmos 1.244,50 euros aparecen cun signo negativo, anotación que significaría que non se ingresaron.

Advertisements