Entra en vigor o cambio de tráfico nas Monxas aprobado en setembro polo goberno local

Convento das Agustinas Recoletas. Imaxe de Turgalicia

Convento das Agustinas Recoletas. Imaxe de Turgalicia

Leva acordado desde o pasado 8 de setembro pero o temor a que influíse nos resultados das eleccións galegas fixo ao executivo local gardar a medida no refixerador. Agora, despexado de citas electorais o panorama o PSOE entende que pode afrontar enfados e recollidas de sinaturas como as que padeceu na anterior tentativa de cambiar o tránsito rodado na rúa das Monxas, como informou Xornal de Betanzos o pasado día 12.

Desde hoxe o tránsito da rúa das Monxas verase modificado. Só poderán entrar desde a Ponte Vella os vehículos de residentes nas rúas do Pozo, Cañota e Ánxeles. E ningún poderá saír en dirección á centenaria ponte, pois o sentido desde a Fonte de Unta modifícase para obrigar a circular pola Cañota cara Os Ánxeles. A medida, avalada por informes policiais segundo o goberno local, busca mellorar a seguridade peonil nas Monxas e a Fonte de Unta e mellorar a fluidez da circulación no cruce das Monxas coa Ribeira ao pé mesmo da ponte levantada por Traxano. Para alcanzar a Ponte Vella en coche será obrigatorio a partir de hoxe circular polo Valdoncel e a Ribeira.

Advertisements