O Santo Domingo cae en León tras tutear ao líder durante medio partido

santodomingobetanzosPrimeira derrota da tempada a domicilio para o Santo Domingo, que caía tras unha gran primeira parte en León por dez puntos de diferenza (86-76) no partido correspondente á 5ª xornada do grupo AB da Liga EBA. Diego Fernández contaba coas baixas de Aarón Regueiro e Pedro Vidal, ademais da ausencia do adestrador axudante, Javier Blanco.

Arrincaba o encontro cun Santo Domingo moi concentrado, e cun rápido parcial de 0-5, ao que respondían os locais con accións de Pablo Ruiz. Tras uns compases iniciais de alternancia no electrónico, os visitantes, liderados por Rodrigo desde o perímetro e Marcos desde a pintura, ían aos poucos tomando as rendas do encontro, destacando tamén o bo traballo defensivo, que impedía aos locais marcar un ritmo alto de xogo (16-20 min 10).

A dinámica do partido mantíñase no segundo acto. Os brigantinos seguían dominando o xogo desde a defensa, freando aos referentes locais, e imposibilitando que os leoneses aproveitasen unha das súas mellores armas, o xogo en transición. Así chegaba a máxima do encontro para os betanceiros (17-29, min 14) tras canastra de Rozas, ao que os de Santos e González respondían con accións interiores, nuns minutos en que aproveitaban as súas segundas opcións para reducir distancias. No entanto, os de Diego Fernández recuperaban o seu acerto na ofensiva, e con dous triplos de Rodrigo, recuperaban de novo vantaxes próximas aos dez puntos, que terminaba de redondear Pablo cun triplo case sobre a bocina (33-45 min 20).

Tralo descanso, cambiaba o ritmo de xogo. Os da Fundación Baloncesto León mostraban todo o seu potencial ofensivo, e conseguían subir a velocidade no seu ataque, recortando diferenzas grazas a contraataques e accións dun contra un. Cando peor estaban as cousas para os visitantes, varias accións positivas de Dani permitíanlles recuperar certa vantaxe, chegando ao final do terceiro cunha renda de catro puntos (59-63 min 30).

Baloncesto León saía decidido no último cuarto a manter o ritmo do terceiro, e conseguíano cun par de roubos de balón e canastras en contraataque, poñéndose así por diante cunha canastra de López (65-64 min 32). A dinámica seguía sendo moi negativa para os betanceiros, ata chegar a unha máxima de sete puntos en contra (71-64 min 34). Chegaba a reacción en ataque do Santo Domingo, que con cinco puntos de Rozas e posteriores accións de Abdou conseguían situarse a catro puntos.

Con todo, os leoneses mantíñanse acertados na ofensiva, impedindo que se puidese dar a volta ao marcador. Con seis abaixo, e trinta segundos para o final, os galegos dispoñían de ata tres lanzamentos triplos nunha posesión, pero estes non entraban, quedando o encontro sentenciado tras anotar Roales e posteriormente López desde o tiro libre (86-76 min 40).

A próxima xornada o Santo Domingo recibirá a visita do Innova Chef de Zamora, o domingo 13, ás 17:00 horas, no Municipal de Betanzos.

Advertisements