Terceiro verquido ao río Callou e a ría nunha semana provoca denuncia no Parlamento

A ría de Betanzos  no Pedrido

A ría de Betanzos no Pedrido

O venres a última hora da tarde localizouse un terceiro verquido ao río Callou, que desemboca na ría de Betanzos polo regato de Miodelo. Servizos de emerxencias, SEPRONA e efectivos da confraría de Miño, pósito que agrupa  aos mariscadores que faenan na ría, desprazáronse sobre o terreo para buscar a orixe do foco contaminante. O verquido foi seguido ata as proximidades da rotonda de Montellos, outra vez no polígono betanceiro de Piadela.

Axentes da policía autonómica tomaron mostras do verquido en distintos puntos para o seu análise pola Xunta de Galicia mentres a confraría insistía en coñecer a afección aos poucos bancos marisqueiros produtivos dunha ría que está practicamente pechada ás actividades extractivas a causa da contaminación por augas fecais. O executivo bergondés insistía na urxencia de acabar con estas prácticas mentres o goberno brigantino volveu a gardar silenzo sobre un verquido orixinado no seu municipio.

O BNG xa anunciou que trasladará o asunto ao Parlamento, para demandar información sobre as analíticas levadas a cabo no río Callou a pasada semana e sobre as responsabilidades a Augas de Galicia, despois de coñecer oo terceiro verquido nunha semana. “Vemos moi preocupante a situación despois de sufrir dous verquidos nunha semana, nesta ocasión de produtos químicos”, explicou o portavoz do BNG de Bergondo, David Carro.

“É unha situación moi preocupante xa que se están producindo verquidos continuos na ría, que xa ten unha calidade das augas preocupante” explica o voceiro nacionalista, que recorda que “hai postos de traballo directos que dependen da ría como os das mariscadoras, ademais das consecuencias que os verquidos teñen para o medio”. Recordan neste sentido que a confraría de Miño tamén manifestou a súa preocupación diante duns verquidos que ameazan o seu medio de vida.

“A ría de Betanzos e os ríos que desembocan nela son parte da Reserva da Biosfera e da Rede Natura 2000 e estamos vendo como a calidade das augas é cada vez peor e como se producen verquidos continuos sen ningunha consecuencia”, explicou o voceiro do BNG de Betanzos, Henrique del Río, quen volveu reclamar que se esixan “responsabilidades de forma contundente”.

Os nacionalistas anunciaron que presentaran unha petición de información no Parlamento de Galiza para coñecer os resultados das analíticas levadas a cabo a semana pasada, despois do vertido de hidrocarburos. Presentarán, ademais, unha iniciativa esixindo a Augas de Galiza medidas contundentes coas persoas responsábeis.

“Parece que os delitos contra o medio ambiente saen gratis, e hai unha sensación de resignación, como se non se puidera cambiar a situación e estivesemos condenados a ver como se degrada a nosa ría” explican desde o BNG. “Reclamaremos ao goberno galego que ten a competencia sobre a calidade das Augas e demostre que isto non é así”, concluíu o edil brigantino.

Advertisements