Medio Ambiente abre un expediente informativo ao matadoiro de Montellos por un verquido

A A-6 ao seu paso xunto ao polígono de Piadela

A A-6 ao seu paso xunto ao polígono de Piadela

Cando menos un dos verquidos á ría desta semana sería obra do matadoiro frigorífico de Montellos, segundo os datos que baralla a Consellería de Medio Ambiente, que ven de comunicar a apertura dun expediente informativo á mercantil polo verquido rexistrado o pasado venres ao río Callou. Segundo informou onte o departamento autonómico, o derrame debeuse a que a factoría derivou á rede de saneamento municipal as súas augas negras a causa dunha deficiencia na súa depuradora.

Desde Augas de Galicia explican que o matadoiro conta cunha depuradora na que se realiza un tratamento previo das augas residuais, para despois verterlas á rede municipal cunha carga contaminante asumible pola EDAR municipal. Os técnicos autonómicos apuntan que o derrame produciuse debido a unha avaría na EDAR do matadoiro, que deixou de funcionar, enviando as augas sen tratar da factoría directamente á rede de saneamento de Betanzos, que colapsou.

O goberno local anunciou que non tomará medidas contra o matadoiro ata coñecer o resultado do expediente aberto polo goberno galego e valorar “técnica e xuridicamente” as súas conclusións. O matadoiro tivo outro expediente informativo por outro verquido en 2015 atribuído a outro fallo do sistema, que levou á fábrica a anunciar obras de mellora nas súas dependencias. Non consta que en ningunha destas ocasións o goberno municipal betanceiro sancionase á empresa.

A Xunta aínda non aclarou a procedencia dos outros dous verquidos ao río Callou e por ende á ría de Betanzos rexistrados a pasada semana. Limitouse a apuntar ao polígono de Piadela, sen que o goberno municipal brigantino anunciase sequera a apertura dunha investigación para determinar a orixe dos verquidos dentro do municipio.

Os derrames rexistrados a pasada semana alarmaron á confraría de Miño, que agrupa aos mariscadores da ría betanceira, sumidos en plena campaña de Nadal. Temen o impacto que estes verquidos poidan ter nos bancos marisqueiros.

O BNG anunciou xa que levará o asunto ao Parlamento. Os nacionalistas esixen unha investigación en profundidade e que se apliquen medidas contundentes contra os causantes dos verquidos á ría de Betanzos.

Advertisements