Sae a liquidación a cementeira de Coirós

Unha vista do polígono de Pedrapartida, en Coirós

Unha vista do polígono de Pedrapartida, en Coirós

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña sacou a poxa por case corenta millóns as instalacións de Gallega de Molienda de Clínker no polígono industrial de Pedrapartida, en Coirós. É un paso máis para liquidar os 34 millóns de euros que a empresa adebeda ao Banco de Caja España de Inversiones, aos que hai que sumar xuros e costas. O xulgado saca a poxa dúas parcelas que suman arredor de 40 000 metros cadrados, onde están radicados todos os edificios da factoría: oficinas, silos, muíño e equipamento de trafego de materiais, naves de almacenaxe e ensacado.

 

Coa poxa ponse o ramo a unha controvertida historia que arranca coa propia instalación da factoría, contestada socialmente por colectivos veciñais, ambientais e o BNG. A concesión da licenza acabou nos xulgados e os directivos da planta procesados polo impago de 3,3 millóns de euros de impostos de alfándegas e IVE procedente de importacións de clínker desde o porto ferrolán.

A fábrica, unha das máis grandes do polígono de Pedrapartida, non chegou a entrar en funcionamento ao 100% da súa capacidade. A crise do ladrillo contribuíu tamén a que a producción de cemento non fose rendible. O Concello aprobou recentemente unha modificación do plan parcial para ampliar os usos do parque empresarial e tentar reflotar este polígono promovido en 2003 pola empresa pública Xestur a través dun convenio entre o Concello e o Instituto Galego de Vivenda e Solo. Outras das firmas emblemáticas do parque empresarial pecharon (caso de Castelo) ou están sumidas nunha crise severa e cambiaron de mans (como a metalúrxica Emesa).

Advertisements