A Xunta pide licenza para obrar en dúas das súas dez vivendas no Casco Histórico

Unha das pancartas colocadas polos nacionalistas nas casas da Xunta no Casco Histórico

Unha das pancartas colocadas polos nacionalistas nas casas da Xunta no Casco Histórico. Esta vivenda da rúa da Torre terá que agardar aínda

Ía ser unha actuación exemplar de dinamización e rehabilitación do Casco Histórico e quedou en nada. A Xunta fixo exactamente coas súas casas da zona monumental betanceira o mesmo que os seus anteriores donos: deixalas caer. Dun proxecto ambiciosísimo quedaron nove vivendas, dez coa que cedeu ao goberno galego Romay Beccaría logo de lle caer parcialmente a outra casa gótica da rúa da Cerca.

Cinco anos despois de todos aqueles anuncios pomposos en precampaña electoral e dos ríos de tinta que desde entón correron a conta da promesa incumprida, a Xunta, en precampaña, contrataba a redación de tres proxectos. Xa antes o goberno local regalara tres proxectos ao goberno galego para remozar tres dos inmobles, que ao parecer non serviron para nada.

E agora, tras unha nova rebaixa, serán dúas as obras que se realicen. Porque foron dúas as licenzas que pediu a pasada semana o goberno galego no Concello. Para obrar precisamente na casa que cedeu Romay, no 9 da rúa da Cerca, e mais na do número 13 da Venela dos Clérigos. Da primeira prevese obter dúas vivendas e un local comercial na planta baixa e para a súa rehabilitación disponse dun investimento que se aproxime aos 480 000 euros, mentres que na segunda construirase unha vivenda e un local comercial.

Advertisements