O Concello afirma que un lóstrego e as treboadas causan a turbidez na auga da traída

Vista aérea da planta de tratamento de auga do Coto

Vista aérea da planta de tratamento de auga do Coto

A caída dun lóstrego provocou segundo o goberno local onte unha avería na planta de tratamento de auga de Betanzos, o que obrigou a establecer un dispositivo especial. Segundo informou onte o Goberno municipal, a estación “en lugar de traballar de forma automática estao facendo de forma manual, o que obrigou a establecer un operativo especial para atender o traballo durante as 24 horas do día”.

Aos problemas ocasionados pola caída do lóstrego, súmanse os provocados polas fortes choivas dos últimos días, que fixeron que a auga do río Mendo baixe máis revolta e con máis barro, o que dificulta os labores de tratamento. O Concello advertiu onte que esta situación pode provocar episodios de turbidez na auga.

Desde o Goberno local aclaran que a auga cumpre os parámetros do consumo e avanzan que trasladaron a situación a Sanidade para que tome as precaucións oportunas e alerte de calquera incidencia. O Executivo recorda que as choivas intensas provocaron numerosos episodios de turbidez na auga nos últimos anos e incide na necesidade de executar “canto antes melloras na planta de depuración.

Advertisements