Biblos conmemora o centenario da visita de García Lorca a Betanzos

Federico García Lorca, no centro, no cruceiro de Santa María do Azougue

Federico García Lorca, no centro, no cruceiro de Santa María do Azougue

Logo de ter publicado os “Seis poemas, seis” que conmemoraban a viaxe de Lorca a Galicia en 1932, a Libraría Biblos volta este ano, que cumpre cen anos da viaxe, a recordar o paso do granadino pola nosa cidade. Este serán, desde as oito, o salón de actos da libraría (rúa de Santiago nº2) acolle unha charla do profesor de lingua e literatura española Celestino Chao, que falará desta viaxe que tivo “tan felices consecuencias para o achegamento do autor á nosa cultura” segundo os responsables do establecemento.http://www.youtube.com/watch?v=BI-Q8yBoV2o

Lorca compuxo, a raíz desta viaxe, os famosos seis poemas galegos aos que fai alusión o título da obra publicada pola editorial da libraría. O máis coñecido deles, tal vez, o Madrigal á Cibdá de Santiago musicado innumerables veces, entre elas polos Luar na Lubre.

Ao parecer, Lorca tería composto outro poema máis, nunha servilleta de papel tras probar en La Casilla a tortilla betanceira. Mais non se conserva copia coñecida desa obra, se é que existiu.

O PP retirou a imaxe de Lorca no adro do Azougue ao cambiar os paneis turísticos

Cando o goberno local do PP modificou os primeiros paneis turísticos da cidade, instalados  en 2005 pola área de Casco Histórico que dirixía naquela altura o BNG, caeron algunhas referencias a episodios históricos dos paneis. Mudouse a foto do palco da música, para retirar o mitin de Lugrís Freire no que se usou por vez primeira o galego e desapareceu, tamén, no panel do Pazo Municipal a foto da proclamación da II República no seu balcón. No Azougue pasou o mesmo, o revisionismo histórico da dereita mudou por unha vista do cruceiro a célebre foto de García Lorca ao pé da talla gótica.

Advertisements