División no PSOE a conta da constitución da área metropolitana coruñesa

O Consorcio convertirase en mancomunidade das Mariñas

O Consorcio convertirase en mancomunidade das Mariñas

Seis concellos da comarca levarán estes días aos seus Plenos a ratificación da chamada “Declaración de María Pita”, o compromiso conxunto dos municipios do Consorcio das Mariñas e a cidade da Coruña a prol da constitución da área metropolitana. Bergondo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada tomarán a dianteira no apoio a unha declaración da que se apartaron os rexedores do PP (Abegondo- cuxo alcalde preside o Consorcio-, Arteixo e Carral) e os concelleiros de PSOE e PP na Coruña.

É previsible que estes seis municipios respalden por maioría este documento que na Coruña foi matizado e reducido a unha simple “declaración institucional de intencións”, un documento simbólico sen alcance nin contido vinculante, e moito menos, sen constituír o punto de arranque da creación da área metropolitana coruñesa.

Destaca neste proceso a división do PSOE provincial en dous bloques. Un, o dos rexedores aliñados no avance cara a área metropolitana (Sacristán por Culleredo, Pérez Mázquez por Bergondo e Ramón García por Betanzos). Outro, o dos concelleiros da Coruña opostos a profundizar na relación co hinterland metropolitano, onde sobrancea a veterana concelleira vazquista Mar Barcón. Quedan así de relevo as dificultades do secretario xeral provincial, Julio Sacristán, de controlar a acción institucional dos seus e mais as dificultades da dirección para marcar o paso nun asunto estratéxico coma este. E evidencia as piruetas que fai o PSOE coruñés entre o seu pasado vazquista e a nova realidade, dado que o seu voceiro votou a favor da declaración mentres o resto do grupo se posicionaba en contra.

Así, o PSOE anunciou que incluirá, na proposta que os seus tres rexedores levarán aos respectivos plenos, unha segunda parte de acordo reclamando precisamente á Coruña que dea o paso, aprobe o documento e se inicie a constitución formal da área metropolitana coruñesa 17 anos despois de que o nacionalista Lois Pérez Castrillo xuntase a 14 rexedores de todas as cores para asinar a Declaración de Soutomaior, no castelo do mesmo nome, para dar inicio á constitución formal da área metropolitana viguesa.

Que A Coruña aprobe por maioría absoluta a declaración é a condición que os alcaldes populares de Abegondo, Arteixo e Carral poñen para presentar o documento ante os seus plenos. Os rexedores de Oleiros e Cambre, de Alterntiva e UxC respecticamente, e o de Sada, de En Marea, cuestionan a postura de PSOE e PP. O BNG, que non ten ningunha alcaldía na área metropolitana, saudou o inicio do proceso e demandou que o ente sexa máis transparente, aberto e participativo que o Consorcio das Mariñas, ao que tacha de “clube de alcaldes”.

 

 

 

Advertisements