A entrega dun coche a Pai Menni sérvelle ao PSOE para prometer máis axudas a este centro privado

A estrada ao Mesón do Bento pasa baixo o centro Pai Menni

A estrada ao Mesón do Bento pasa baixo o centro Pai Menni

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe en Betanzos as instalacións do centro Pai Menni de atención integral a persoas con discapacidade intelectual, onde destacou “a gran labor social” que desenvolve a entidade e a longa traxectoria de colaboración que mantén coa institución provincial. “Unha estreita colaboración que contribuíu a mellorar as instalacións, o equipamento e os servizos deste centro e queremos manter no futuro, porque somos conscientes do importante traballo que aquí se realiza”, apuntou o presidente, que hoxe fixo entrega dun novo vehículo de transporte adaptado para os usuarios do centro.

Na súa visita, González Formoso estivo acompañado do alcalde de Betanzos, Ramón García e do concelleiro de Economía, Facenda e Servizos, Diego Fernández. O presidente da Deputación e o rexedor betanceiro percorreron a residencia, o centro ocupacional e o centro de día, onde se desenvolven múltiples actividades de psicomotricidade, estimulación cognitiva e habilidades da vida diaria, así como un obradoiro de costura e bordado, onde ambos mandatarios puideron comprobar a calidade das pezas artesanais que alí se elaboran.

González Formoso interesouse en particular polo proceso de confección dos manteis e pola posibilidade de encargar ou adquirir algunhas das pezas elaboradas no centro para as mesas do Pazo de Mariñán, para o que invitou ás asistentes ao obradoiro a coñecer o pazo bergondés por dentro nunha visita guiada que organizará a Deputación.
Ao remate da visita, o presidente provincial e o alcalde de Betanzos participaron nun pequeno acto de entrega dun vehículo adaptado doado pola Deputación, que facilitará os traslados cotiáns dos usuarios do centro.

Advertisements