O goberno local anuncia o amaño das pontes de madeira e mais da Eira Vella

A ponte de madeira do Xuncaliño

A ponte de madeira do Xuncaliño

O goberno local sacou a contratación privada diversos traballos ordinarios de mantemento e reparación de espazos públicos, concretamente investirá algo máis de 91 000 euros nunha actuación de mantemento urbano que inclúe a ponte de madeira que une o Xuncaliño coa Ribeira, a súa irmá máis pequena que une o Carregal e a zona do Areal na traseira do Pasatempo e a gasolineira das Cascas e a reparación dos accesos a  unha zona peonil das Cascas e acceso ao Lavadoiro Municipal.

O comunicado de prensa remitido polo goberno local anuncia tamén a reparación, dentro destas actuacións, da “zona peonil do Paseo da Tolerancia ao bordo do río Mandeo”, un peirao que é enteiramente de acceso restrinxido unicamente a peóns e no que, puntualmente, se permite acceso rodado para servizo de embarcacións pero que carece de zona delimitada para vehículos, sendo enteiramente peonil.

Nas pontes de madeira procederase ao lixado, eliminación de vexetación, aplicación de conservantes da madeira e reposicición de parafusos e elementos enferruxados ou deteriorados, como tramos de varandas ou partes do piso. O goberno local, segundo os seus propios datos, evita instalar medidas adicionais de seguridade peonil para evitar resbalóns, como propuxo engadir recentemente o BNG nun pleno.

 

Na “zona peonil do Paseo da Tolerancia” mellorarase a cuberta da zona porticada, coa limpeza de maleza e cascallo, substitución das tellas rotas, limpeza do canalón existente e limpeza do falso teito existente baixo cubertae repintado. No lavadoiro das Cascas mellorarase a varanda, retirarase vexetación e lixo e repararnse elementos rotos ou deteriorados.

 

Por outra banda, tamén se atopa en fase de contratación a reforma da praza de Enrique IV que incluirán a mellora da rede de abastecemento, a de saneamento e o pavimento. O investimento superará os 96 000 euros. Os traballos incluirán a renovación da rede abastecemento de auga e unha nova rede separativa entre augas residuais e pluviais. Tamén se acondicionará o pavimento, reparando as roturas nas zonas de praza interior e as zonas que lindan co río, aproveitando todo o mobiliario existente e repoñendo bancos, papeleiras, farois e árbores.

Advertisements