O BNG colapsou a peaxe de Macenda en defensa da transferencia da AP9 a Galicia

A peaxe de Macenda, en Piadela

A peaxe de Macenda, en Piadela

Unha longa ringleira de vehículos pagando a peaxe céntimo a céntimo colapsou en torno ao mediodía do pasado sábado a peaxe betanceira da AP-9, no lugar de Macenda, parroquia de Piadela. Era o xesto do BNG para demandar, de xeito simbólico, unha AP9 galega e libre de peaxes. Era parte dunha mobilización que simultaneamente colapsou, por uns minutos, as peaxes da autoestrada en todas as comarcas do país polas que pasa a vía.

Os nacionalistas defenden manter a unidade política alcanzada no Parlamento de Galicia para demandar ao Estado a transferencia da AP9. Ademais, promoven promover a mobilización social ante unha demanda que comparte a inmensa maioría da cidadanía. Anunciaron que continuarán nos vindeiros meses coa súa campaña e o seu traballo político nas institucións e na rúa para acadar unha AP9 galega e libre de peaxes.

Na mobilización na nosa comarca participou o cantautor e deputado Xosé Luis Rivas “Mini”, os voceiros do BNG nos municipios atravesados pola autoestrada, entre eles o betanceiro Henrique del Río, e numerosos simpatizantes da fronte nacionalista.

O alcalde aproveita o tanto para pedir a viaxe de volta gratis

O mesmo día en que o BNG colapsaba Macenda, o rexedor betanceiro insistía na súa demanda de deixar libre de peaxe a viaxe de volta para quen vaia a Coruña e volte no día, empregando nos dous traxectos a autoestrada. Porén, García Vázquez (PSOE) vetou na última sesión plenaria o debate dunha moción do BNG encadrada nesta campaña que demandaba, precisamente, a cesión e gratuidade da vía de alta capacidade. Os nacionalistas xa anunciaron naquela altura que reiterarían a iniciativa.

Advertisements