O BNG reclama que se repare e acenda a calefacción do ambulatorio de Bergondo

O Concello de Bergondo

O ambulatorio está a carón da Casa Consistorial

O BNG de Bergondo demanda do goberno local que solucione canto antes os problemas de calefacción existentes no centro de saúde de Bergondo.  “Usuarios e usuarias do centro de saúde trasladáronnos as súas queixas. Semella que dende o cambio de contadores realizado nas dependencias sanitarias a potencia non é a suficiente polo que ao poñer os radiadores, todos eléctricos, salta o diferencial. Debido a isto, non se pode facer uso dos mesmos e chega a facer moito frío, máxime a estas alturas do ano”, explicou o portavoz nacionalista David Carro.

“En pleno inverno non se pode permitir que unha instalación como o centro de saúde, a que acoden a diario moitas persoas maiores, nenos e nenas, non conte con un sistema de calefacción axeitado; demandamos do goberno local que tome as medidas oportunas para solucionar esta deficiencia o antes posible, xa que no mencionado centro vai moito frío e hai que ter en conta que a el acode xente enferma que pode ver agravada a súa enfermidade”, concluíu Carro.

A raíz da denuncia realizada polos nacionalistas, a alcaldesa tratou de responsabilizar á compañía eléctrica das deficiencias no subministro enerxético. Un voceiro da empresa asegurou que non tiñan constancia dos problemas no centro de saúde contiguo á Casa Consistorial bergondesa, e cuxo mantemento corre a cargo do Concello, ata que a alcaldesa reaccionou ás denuncias do BNG estes días.

Advertisements